O PP de Viveiro demanda con urxencia ao goberno municipal impulsar o PXOM

AMariñaXa
A portavoz Mariña Gueimunde explica que a ordenación urbanística provisional é xenérica e restritiva
concelleiros-PP-Viveiro
10 Jan 2025

O PP de Viveiro diríxese ao goberno municipal bipartito para urxir que impulsen o PXOM: “Despois de 22 anos de gobernos de esquerdas -PSOE, BNG co apoio de XViveiro- e tantos anuncios por parte da alcaldía sobre a inmediata aprobación provisional deste relevante documento en materia de planificación urbanística e ordenación do territorio do noso concello”.

Ante isto os concelleiros do Partido Popular agardan contar co apoio dos distintos grupos da corporación municipal no vindeiro pleno toda vez que “a aprobación do PXOM era un dos puntos do acordo programático entre o PSOE e XViveiro para facer alcaldesa á señora Loureiro”.

O PP propón instar ao goberno municipal a elaborar no prazo dun mes os informes técnicos, xurídicos e económicos de competencia municipal necesarios para determinar a situación real do PXOM de Viveiro e dar conta ao Pleno dos informes das diferentes administracións pendentes así como dos trámites e accións que restan para lograr a súa aprobación provisional.

A portavoz popular, Mariña Gueimunde, explica que “na reunión da xunta de portavoces celebrada o 31 de xaneiro de 2024 puidemos coñecer o informe técnico sobre os trámites realizados e pendentes; pero practicamente un ano despois non temos constancia de que o Concello realizada ningún”.

Concretamente, o informe recollía como trámites pendentes a notificación aos titulares catastrais de parcelas incorporadas en ámbitos de actuación; a contestación ás alegacións presentadas en trámite de exposición pública; a revisión e actualización de documentos de memoria e normativa urbanística atendendo ás modificacións do procedemento administrativo común, actividades, etc. e a proposta de dúas liñas de tramitación en caso de que, unha vez obtidos todos os informes sectoriais e corrixidas as deficiencias do documento, os cambios introducidos no documento desde a aprobación inicial supoñan ou non unha modificación substancial.

Gueimunde puntualiza que “determinar se as modificacións introducidas no documento son ou non substanciais -despois de transcorrido un largo espazo de tempo dende o acordo para a aprobación inicial do PXOM no Pleno do 14 de abril do 2011- é un dos puntos que máis condiciona os prazos na tramitación”. En todo caso, sinala, con carácter previo á aprobación provisional polo Pleno, é precisa a emisión dos informes técnicos e xurídicos do servizo de urbanismo, o informe da secretaria municipal e o informe de intervención.

A portavoz popular explica que a ordenación urbanística provisional aprobada no 2006 é xenérica e demasiado restritiva debido ao seu carácter transitorio ata a aprobación do PXOM polo que “non responde aos problemas e necesidades do noso concello, coartando o seu desenvolvemento económico e sostible”.

 

0.17431402206421