O PP de Foz traslada o malestar veciñal pola demora dos informes municipais
O Partido Popular de Foz traslada o malestar de moitos veciños por non poder empezar as obras pola tardanza dos informes municipais definitivos. “Así, denunciamos os retrasos na concesión das licenzas malia que o goberno local as subiu nun 14 %”, sinala o voceiro popular, Javier Castiñeira.
Isto débese, afirma, ao caos administrativo ao que ten abocado o señor Cajoto ao Concello, que xa denunciaran os populares, pola falta de Secretario e de Interventor o que fai que se envíen os informes xurídicos á Deputación de Lugo e non se concedan as licenzas en tempo e forma. “É incrible que despois de subir as licenzas de obra do 3 % ao 3,5 % -o imposto continúa nun 2,5 e a taxa pasou do 0,5 ao 1-, o servizo sexa peor e teñamos que esperar polos informes que o Concello lle encarga á Deputación porque levamos meses sen Secretario municipal”, lamenta Javier Castiñeira.
Por exemplo, nunha licenza media dunha vivenda unifamiliar con 180.000 euros de orzamento de execución material, a licenza pasaría de 5.400 euros a 6.300 euros, é dicir, uns 900 euros máis que fai un ano pero con peor servizo como denuncian os veciños.
Isto ocasiona grandes perxuízos aos veciños e familias que están iniciando novos proxectos de vida e, tamén, ao sector da construción que ve como non se inician obras en meses pola falta de xestión municipal do goberno de coalición de socialistas e nacionalistas que está demostrando ser un lastre para Foz.
SUBA DESPROPORCIONADA DE IMPOSTOS E TAXAS MUNICIPAIS
“Este tema das licenzas de obra é outro dos exemplos da suba desproporcionada dos impostos e taxas municipais que, desde o PP de Foz, denunciamos a principios de ano e que PSOE e BNG aprobaron en pleno naquel “xoves negro” sen garantir que con eses centos de miles de euros de máis que van a recadar se dean mellores servizos”, finaliza o voceiro popular.