Posta en valor do rol feminino no Mar e a igualdade nos oficios marítimo-pesqueiros

TerraChaXa | AMariñaXa
Posto en valor do rol feminino no Mar e a igualdade nos oficios marítimo-pesqueiros
0 1
6 Dec 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé na importancia do papel da muller nos oficios vencellados ao mar e defendeu a educación en igualdade como ferramenta para “superar os prexuízos de xénero” e dar visibilidade ao importante traballo feminino no desenvolvemento da cadea mar-industria. Así o sinalou durante o acto de peche da campaña Bravas do mar para a promoción nos centros educativos da igualdade de oportunidades na pesca, no que tamén participou a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro. 

A titular de Mar tamén puxo de relevo a importancia das iniciativas como Bravas do mar para reivindicar a igualdade e a dignidade laboral da muller. Esta iniciativa enmárcase no Plan de Produción e Comercialización 2020 da Organización de produtores de pesca do porto e ría de Marín (Opromar), cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e materialízase nunha páxima web, un blog, un documental e un libro que recollen os testemuños de dez mulleres -entre elas a propia conselleira do Mar- do Rosal, Viveiro, Ribeira, Ourense, Bueu e Pontevedra que achegan a súa experiencia no mundo do mar no que a muller sempre tivo un papel fundamental. A través destes materiais a iniciativa traballou con centros educativos para promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no sector da pesca. Ademais incluíu un concurso de relatos sobre a temática da campaña. 

Neste cometido de visibilizar o valor do papel feminino no eido marítimo-pesqueiro, expuxo Rosa Quintana, “é fundamental estar todos no mesmo barco e remar na mesma dirección”. Dentro deste traballo a conselleira puxo como exemplo a Bravas do mar, xa que contribúe a facer unha reflexión sobre que se ensina e como, pois é formación integral sobre o sector e “permite configurar a realidade das mulleres e dos homes do mar cando están embarcados, no momento das descargas no porto ou nas poxas”. Esta campaña, engadiu, tamén é coñecemento, pois “facilita comprobar a proximidade dos roles femininos e masculinos nas empresas armadoras, nas tarefas de distribución ou nas actividades de venda”.

Ademais a titular de Mar agradeceu ás mulleres participantes na iniciativa o seu labor, pois “é o mellor material de estudo e é inspirador para o alumnado participante no proxecto”. Nesta liña tamén recoñeceu os traballos literarios do alumnado premiado no concurso. 

‘Bravas do mar’

Bravas do mar é unha iniciativa adaptada á situación provocada pola covid-19 e naceu cos obxectivos de promover o emprendemento feminino,  mellorar as condicións de traballo e a calidade de vida das profesionais do mar e racionalizar o seu horario de traballo e a conciliación. Esta campaña tamén xurdiu para visibilizar o importante papel que veñen desenvolvendo as mulleres desde sempre no sector e fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no eido marítimo-pesqueiro.

Con ese obxectivo, a través da web da iniciativa, o alumnado e profesorado de centros educativos podía acceder aos contidos creados para a presentación do proxecto co fin de achegar ás nenas e nenos ao mundo da pesca cunha visión de igualdade. Nunha primeira etapa contou coa participación do CEIP Serra de Vincios e do IES Soutomaior e despois contou con cinco centros máis, que son o CEIP Campolongo, CEIP Carballal, CEIP O Sequelo, IES Illa de Tambo e IES Chan do Monte. 

0.18510508537292