Portos está a executar obras de mellora no porto do Vicedo
Portos de Galicia está a executar obras de modernización e mellora das condicións de traballo e operatividade nas instalacións do porto lucense do Vicedo. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, explicou esta mañá durante unha visita á zona que o seu departamento xa rematou as obras de mellora da nave de redes e ultima a instalación do control de accesos ao porto deportivo, unhas actuacións que suman un investimento de preto de 40.000 euros.
A representante do organismo dependente da Xunta, que estivo acompañada por representantes do sector e da Corporación municipal, explicou que as obras na nave de redes se enmarcan no plan de renovación de envolventes de edificios portuarios. Neste caso os traballos consistiron na substitución da actual cuberta por outra de panel sándwich que incorpora ademais unha superficie de panel translúcido para mellorar a iluminación natural do interior do inmoble. Esta actuación permite ao mesmo tempo mellorar as características térmicas do inmoble. Os traballos tamén inclúen a substitución da canle de recollida de auga por outra de aceiro inoxidable e a instalación dunha nova porta motorizada.
Susana Lenguas destacou ademais que, en paralelo a esta actuación, Portos de Galicia está a desenvolver os traballos para a posta en marcha dun novo sistema de control de accesos aos pantaláns e instalacións flotantes do Vicedo. Trátase dun sistema que permite a apertura con tarxeta ou co teléfono móbil a través dunha aplicación e código PIN.