Portos de Galicia mellora os departamentos de armadores do porto de San Cibrao cun investimento de 375.000 euros

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, está a acometer unha importante actuación de mellora nos departamentos de armadores do porto de San Cibrao, situado no concello lucense de Cervo, cun investimento global de 375.000 euros. Así o anunciou esta mañá o conselleiro Alfonso Villares durante unha visita aos traballos que se veñen de iniciar esta mesma semana.
Na súa visita estivo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, quen explicou que a intervención ten como obxectivo acondicionar os dez locais destinados ao uso profesional dos armadores que desenvolven a súa actividade no porto cervense. Estes espazos están repartidos en tres edificios que, ademais de seren renovados funcionalmente, verán mellorada a súa integración paisaxística e reducirán os custos futuros de mantemento.
Entre as actuacións previstas figura a substitución das cubertas, canlóns e baixantes, así como a pintura das fachadas exteriores. As novas cubertas serán realizadas con panel sandwich, ancoradas sobre correas de madeira tratada, e procederase tamén á renovación da impermeabilización superior dos soportais situados na fronte dos locais que dan á rúa.
A intervención contempla tamén a conexión de todos os departamentos á rede de saneamento existente e a reparación dos elementos de formigón armado que amosaban deficiencias estruturais. Un dos obxectivos principais é tamén minimizar os problemas de humidade nos muros exteriores dos edificios, aumentando así a durabilidade e funcionalidade das instalacións.
Con esta obra, a Xunta de Galicia dá un paso máis na mellora das infraestruturas portuarias da comunidade, apostando pola dignificación dos espazos de traballo do sector pesqueiro e a súa adecuación ás esixencias actuais de eficiencia e sustentabilidade.