Portos de Galicia facilita ao Concello de Foz o uso gratuíto das instalacións náuticas para formación e adestramento

Foz
AMariñaXa
A concesión inclúe o edificio de deportes náuticos e o pantalán desmontable, cun aforro municipal de preto de 40.000 euros grazas á exención total de taxas
Foz-porto-pantalan-piraguismo
3 Dec 2025

Portos de Galicia está a tramitar unha concesión administrativa para que o Concello de Foz poida xestionar o edificio de deportes náuticos situado no porto e destinado, fundamentalmente, a actividades de formación e adestramento, especialmente no ámbito do piragüismo. O ente público vén de trasladar ao Concello unha proposta de condicións que incorpora tamén o uso do pantalán flotante desmontable, pensado para facilitar o traballo dos deportistas.

Segundo detallan desde Portos de Galicia, o novo título concesional recollerá a aplicación do artigo 40 da Lei de Taxas do propio organismo, que permite eximir ao 100% das taxas ás corporacións locais cando desenvolven iniciativas relacionadas coas súas finalidades públicas e que non implican explotación económica.

Esta resolución permitirá que tanto o Concello como o Club Kaiak de Foz, principal beneficiario das instalacións e participante en competicións provinciais, autonómicas e estatais, poidan empregar de maneira totalmente gratuíta o inmoble, que supera os 1.300 metros cadrados, así como o pantalán asociado á actividade deportiva.

Ademais do impulso que supón para a práctica do piragüismo e outras disciplinas náuticas, a medida tradúcese nun importante aforro para as arcas municipais, ao evitar o pagamento duns 40.000 euros anuais, importe estimado pola ocupación sen a devandita exención.

⚙ Configurar cookies
0.076189994812012