Portos de Galicia estuda reverter espazos que non teñen uso portuario
O Ente público analizou as 22 solicitudes presentadas ata o momento polos distintos municipios costeiros galegos así como a posible tramitación doutras 18 instalacións menores de distintas localidades e non destinadas a fins portuarios.
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo esta semana unha reunión cos representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) no marco da mesa de traballo creada pola Xunta con esta entidade para abordar a posibilidade de reverter ao Estado espazos dos peiraos galegos que non teñen uso estritamente portuario buscando a posterior entrega polo Goberno central aos concellos. Unha delas é o peirao vello de Viveiro, hoxe en día utilizado como aparcadoiro de vehículos.
Neste sentido, a representante do ente dependente da Consellería do Mar trasladou aos integrantes da Fegamp que o Executivo galego está a traballar nos trámites para solicitar á Administración central a reversión de arredor de corenta espazos da súa titularidade que non teñen uso portuario.
Susana Lenguas, que estivo acompañada na reunión pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e por outros representantes do Executivo galego e do ente público, detallou que Portos de Galicia analizou as 22 solicitudes presentadas ata o momento por distintos concellos costeiros galegos así como a posible reversión doutras 18 instalacións menores da súa titularidade non destinadas a fins portuarios e situadas en distintas localidades. Neste apartado tratouse o portiño de Nois.
A representante do ente público explicou que se trata dun procedemento extraordinario, complexo e moi amplo e que, por iso, se tramitarán todos os expedientes de xeito conxunto. Neste sentido, e para velar pola transparencia do proceso, o ente público abordou os criterios que se aplican para a valoración das solicitudes, dos que xa son partícipes os concellos inmersos neste proceso e que serán trasladados a todos municipios para o seu coñecemento e para que, aqueles que non o fixeron, poidan presentar as súas propostas de reversión de terreos antes do próximo 15 de outubro.
Unha vez recibida toda a información necesaria dos concellos, a Xunta trasladará aos correspondentes Gobernos locais as superficies que considera susceptibles de iniciar o trámite de reversión en cada caso e, cando os concellos dean a súa conformidade con esa proposta, avanzará nos trámites administrativos internos previos á remisión da solicitude de reversión dos terreos ao Executivo central.
No momento en que estean completados os trámites da Administración galega, será o Goberno central, mediante acordo do Consello de Ministros, o que deberá determinar que facer e tamén se os entrega aos concellos procedendo á súa desafectación como espazos de dominio público marítimo-terrestre.
Por outra banda, lugares como o mirador da Limosa ou unha das parcelas do porto de Burela non entraron a debate, malia telo solicitado por parte dos organismos locais.