Portos de Galicia estuda o cambio de normativa da pesca recreativa

AMariñaXa
Reunión de Portos de Galicia con entidades de pesca recreativa co fin de coordinar modificacións na actividade nos peiraos.
pesca mar recreativa
19 Feb 2021

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, recibiu esta mañá a representantes de diferentes entidades relacionadas coa pesca recreativa co fin de coordinar con estes colectivos as modificacións necesarias para autorizar a práctica desta actividade nos peiraos de titularidade autonómica con seguridade e compatibilidade cos usos profesionais.

A proposta de Portos de Galicia establece como condición as garantías de seguridade das instalacións e os usuarios así como a compatibilidade coa normal actividade e operativa portuaria e as necesidades dos sectores profesionais que utilizan os peiraos. Ademais recolle a categorización dos portos en tres niveis en función da posibilidade de integrar esta actividade: portos nos que se podería pescar libremente; portos con restricións e portos nos que non estará autorizada a pesca deportiva.

A maiores, entre outros requisitos figurarían a obrigatoriedade de facer un seguro con cobertura aos danos persoais e a terceiros, a reserva do solo, xestión dos residuos xerados e uso axeitado de aparcadoiros e outras instalacións portuarias. En todos os casos a premisa básica e priorizar a seguridade e a operativa portuaria profesional.

Os asistentes á reunión quedaron emprazados a un novo encontro proximamente no que trasladarán as súas achegas á proposta na procura do consenso e melloras que permitan iniciar os trámites para a modificación normativa.

0.10284996032715