Portos de Galicia completa a nova rede de saneamento do peirao norte de Burela

Portos de Galicia, organismo dependente da Consellería do Mar, vén de dar por finalizadas nos últimos días as obras de implantación da nova rede de saneamento no peirao norte do porto de Burela. Esta actuación contou cun investimento total de 48.000 euros e supón un avance significativo na mellora das infraestruturas portuarias.
Os traballos desenvolvidos permitiron a conexión de todos os usuarios desta zona do porto ao colector xeral que está a executar Augas de Galicia, co obxectivo de completar o servizo integral de saneamento nas instalacións portuarias. En total, realizáronse arredor de 25 novas conexións, que inclúen os 18 departamentos de armadores, a nave da confraría de pescadores, a nave de redes, os departamentos de distintos usuarios e o surtidor de combustible.
Con esta intervención, Portos de Galicia culmina a integración na rede de saneamento de todo o porto de Burela, xa que o peirao norte era o único espazo que aínda quedaba pendente de conectarse ao sistema xeral.
Por outra banda, o ente público tamén aprobou recentemente no porto de Burela unha concesión para a explotación dunha actividade de cafetería, bar e restaurante. Trátase dunha ampliación da actividade existente no local anexo ao restaurante Amares, que permitirá comunicar ambos espazos unha vez completada a reforma do novo local. A concesión contará cun prazo inicial de vixencia de 15 anos, con opción a unha prórroga adicional de 7,5 anos.