Portos de Galicia aproba a reversión de terreos portuarios en Foz

O Consello Reitor de Portos de Galicia aprobou a declaración de innecesariedade de terreos portuarios no municipio de Foz, unha decisión que permite que a Administración Xeral do Estado poida devolver ao concello a titularidade deste solo de uso público. A medida responde á falta de actividade portuaria nestes terreos, que poderán ser utilizados para fins veciñais.
Esta decisión forma parte dun proceso máis amplo que afecta a varios municipios galegos. Para determinar que terreos eran susceptibles de reversión, Portos de Galicia mantivo reunións cos alcaldes dos concellos afectados, baseándose en criterios técnicos acordados coas autoridades locais e consensuados coa Fegamp.
Esta medida permitirá a revalorización de espazos para o uso da veciñanza de Foz e a mellora da xestión local destes terreos de uso público.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, manifesta: “a declaración de innecesariedade dos terreos de Portos é unha boa noticia, que referenda a reunión que puiden manter co presidente de Portos de Galicia en decembro pasado na Coruña e tamén a solicitude que fixo o Concello de Foz alá polo ano 2021”.
Ademais Fran Cajoto explica que nesa reunión celebrada en decembro “aportamos diversas ideas para delimitar mellor eses terreos que van pasar a ser titularidade do Concello de Foz. Non sabemos se neste documento se incluíron, pero desde logo é absolutamente necesario que os espazos que agora mesmo ocupa o club Kayak, a Aula de Seguridade Viaria, a piscina municipal ou que se utilizan para facer as festas patronais deben pasar a ser xestionados polo Concello de Foz para evitar o pago dunhas taxas abusivas e tamén para ordenar o espazo portuario porque desde logo a área de estacionamento das autocaravanas debe ser xestionada de forma conveniente para que sexa un recurso e unha oportunidade e non un problema”.
Modificación da Delimitación de Espazos e Usos Portuarios en Viveiro
Ademais, o Consello Reitor aprobou tamén a modificación do documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) para os portos de Viveiro. Esta ferramenta é fundamental para a planificación e distribución do solo portuario en función da súa actividade, permitindo un crecemento ordenado do porto. A actualización clarifica os usos do solo e establece de forma definitiva que a Ponte da Misericordia e a rampla anexa non forman parte do dominio público portuario.