Por Viveiro solicita melloras na contorna da igrexa de San Francisco e na Avenida de Galicia

AMariñaXa
O concelleiro Manuel Galdo pide actuacións urxentes para limpar a maleza e renovar as bandeiras deterioradas
Viveiro-camino-Lois-Tobio-Quiexa-por-viveiro-2025
2 Aug 2025

O Grupo Municipal Por Viveiro vén de trasladar ao Pleno da Corporación dúas peticións que buscan mellorar a imaxe e o coidado de distintos espazos urbanos do municipio. A través dun rogo presentado polo concelleiro Manuel Galdo Dopico, solicítase ao Goberno local que actúe con dilixencia para resolver estas deficiencias que afectan á estética e conservación de zonas públicas.

Unha das demandas céntrase na contorna da igrexa de San Francisco, concretamente na área próxima ao Cantiño Lois Tobío, onde a maleza medra sen control e invade parte das fachadas do templo. Esta situación, segundo Galdo, “ofrece unha imaxe negativa dun espazo que debera lucir coidado pola súa relevancia histórica e cultural”. Por iso, reclama que se leven a cabo as xestións necesarias para limpar e acondicionar a zona.

A segunda petición refírese ao estado das bandeiras instaladas na Avenida de Galicia, fronte á estación de autobuses. O edil de Por Viveiro denuncia que, un ano máis, estas enseñas presentan un “avanzado deterioro”, o que, ao seu xuízo, transmite “unha sensación de abandono e deixadez impropia dun municipio que aposta polo turismo e a boa presenza dos espazos públicos”.

Manuel Galdo instou ao equipo de Goberno a actuar de inmediato nestes dous puntos, poñendo en valor a importancia de manter a cidade limpa e coidada “non só por unha cuestión estética, senón tamén por respecto ao patrimonio e aos veciños e visitantes que percorren Viveiro cada día”.

⚙ Configurar cookies
0.28211188316345