Por Viveiro solicita melloras na Avenida de Ferrol e na contorna da igrexa de San Francisco

AMariñaXa
O grupo solicita a reparación da beirarrúa da Avenida de Ferrol e a limpeza da contorna da igrexa de San Francisco, ambas zonas afectadas por deficiencias que comprometen a seguridade e a estética urbana
Imaxe de Viveiro
20 sep 2024

Manuel Galdo Dopico, concelleiro do Grupo Municipal Por Viveiro, presentou dous rogos ao Pleno da Corporación Municipal de Viveiro instando ao equipo de Goberno a actuar en dúas zonas clave do municipio.

O primeiro rogo fai referencia ao mal estado da beirarrúa da Avenida de Ferrol, á altura do edificio Ría de Viveiro. O edil subliñou que a presenza de fochancas e lousas rotas pode supoñer un risco para a seguridade dos peóns que transitan por esa área diariamente, polo que solicitou a reparación urxente desta infraestrutura.

Ademais, Galdo Dopico tamén fixo un chamamento á limpeza e mellora da contorna da igrexa de San Francisco, concretamente na zona colindante co Cantiño Lois Tobío, onde a maleza invade parte das fachadas. Este feito, segundo o concelleiro, ofrece unha imaxe de desleixo e abandono, polo que pediu que se tomen as medidas necesarias para arranxar esta situación.

Ambas peticións pretenden mellorar a seguridade e a estética urbana de Viveiro, atendendo ás demandas veciñais e ao bo mantemento do espazo público.

0.16298294067383