Por Viveiro rompe negociacións co PSOE e inicia conversas co PP

Os independentes de Por Viveiro destacaron que, logo de agardar unha semana para que o Partido Socialista de Viveiro fixera unha proposta de gobernación, a oferta recibida non foi tal, senón "unha versión reducida a case o 25 % do acordo de investidura".
Logo de valorar internamente esta proposta, o pasado martes a mesma foi totalmente rexeitada polos independentes, que na mesma cita acordaron iniciar as conversas co PP de Viveiro co obxectivo de escoitar a oferta realizada fai uns meses para levar a cabo un cambio no goberno do Concello.
“En Por Viveiro queremos un Viveiro mellor, con presente e con futuro, polo que calquera acordo que se vaia levar adiante terá que ser en base a un programa de goberno, con inversións e garantía de cumprimento das mesmas”, declararon dende a formación independente.
Así mesmo, unha vez acordado cos representantes do PP, comunicaron que a primeira das reunións levarase a cabo o vindeiro mércores, día 12 de febreiro, no Hotel Las Sirenas.
Desde Por Viveiro anuncian a rotura total das negociacións co PSOE de Viveiro e o inicio das conversas co Partido Popular co obxectivo de chegar a un acordo que leve a un cambio necesario no goberno do Concello. Ademais, cualifican a proposta do Partido Socialista como irrisoria, froito dun goberno desgastado, sen liderado e cunha falta total de peso político.