Por Viveiro reclama a recuperación do proxecto dun parque infantil cuberto e melloras na accesibilidade en Xunqueira

O grupo municipal Por Viveiro vén de trasladar ao Pleno da Corporación dúas peticións urxentes que afectan directamente á calidade de vida da veciñanza: a recuperación do proxecto dun parque infantil cuberto e a mellora da accesibilidade na beirarrúa da estrada LU-540, ao seu paso pola zona de Xunqueira.
O portavoz do grupo, Bernardo Fraga Galdo, lembrou que ao remate do ano 2024 o anterior executivo local acordara con Por Viveiro a construción dun parque infantil cuberto, unha infraestrutura que considera “moi necesaria para o noso concello” e que suporía “unha alternativa importante de lecer para os máis pequenos nos días de mal tempo, cando non se poden utilizar os parques ao aire libre”.
Segundo sinalou Fraga, este proxecto ía ser financiado a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo para o ano 2025, mais inexplicablemente “a partida correspondente desapareceu do devandito plan”. O grupo considera este feito “un novo incumprimento do anterior goberno municipal” e solicita ao actual equipo de goberno que leve a cabo “as xestións necesarias ante a Deputación para saber en que data e quen tomou a decisión de excluír o parque infantil cuberto dese plan provincial”.
Pola súa banda, o concelleiro Manuel Galdo Dopico presentou outro rogo relacionado coa accesibilidade na rúa Xunqueira, concretamente na intersección co lado dereito da estrada LU-540 en dirección Lugo. Segundo explicou, a beirarrúa presenta “graves deficiencias: ten un espazo moi reducido, o firme atópase deteriorado e existen diversas barreiras arquitectónicas”.
Estas condicións, segundo o edil, “dificultan enormemente o uso da beirarrúa e supoñen un risco de seguridade evidente, especialmente para as persoas con mobilidade reducida”. Desde Por Viveiro piden que se acometan “as xestións oportunas para corrixir estas deficiencias e garantir a accesibilidade e seguridade neste punto”.
Ambas iniciativas foron rexistradas ao abeiro da lexislación vixente e defenderanse no pleno municipal, co obxectivo de que se atendan dúas demandas “xustas, urxentes e prioritarias”, en palabras dos seus impulsores.