Por Viveiro propón recuperar o antigo colexio Pedrosa Latas como espazo social para Celeiro

AMariñaXa
O grupo municipal insta o Goberno do Estado a ceder gratuitamente o inmoble ao Concello para dinamizar o tecido veciñal, cultural e deportivo da parroquia
por-viveiro-24
21 Jun 2025

Os concelleiros Bernardo Fraga Galdo e Manuel Galdo Dopico, en representación do grupo municipal Por Viveiro, presentaron unha moción ao Pleno da Corporación co obxectivo de solicitar ao Goberno do Estado a cesión gratuíta do edificio do antigo colexio Antonio Pedrosa Latas, situado na parroquia de Celeiro.

A proposta, que será debatida na próxima sesión plenaria, pretende recuperar un espazo histórico que, segundo lembran os propoñentes, leva máis de dúas décadas infrautilizado malia o seu potencial como centro para actividades sociais, culturais e deportivas.

Na exposición de motivos, os edís explican que o inmoble, propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social, foi construído sobre un terreo doado pola Cofradía de Pescadores de Celeiro e pola Unión de Fabricantes de Conserva nos anos 40. O edificio, inaugurado en 1955, funcionou como colexio ata 1998. Desde aquela, a xestión do espazo asumiuna o Concello, que cedeu parte das instalacións a distintas asociacións de Celeiro. Porén, a falta de mantemento e investimento público provocou un progresivo deterioro.

Segundo o grupo Por Viveiro, no ano 2019 existía un acordo entre o Concello, a Xunta e a Deputación para rehabilitar o edificio e instalar nel a Escola Oficial de Idiomas. Con todo, denuncian que a "inxestión municipal" do goberno local socialista impediu avanzar no proceso, ao non conseguir que o Estado —tamén en mans do PSOE— fixese a cesión gratuíta do ben. "Solicitouse entón un pagamento de 700.000 euros, o que botou por terra a iniciativa", explican.

Engaden que, tras esta negativa, proxectos como a residencia de Aspanane acabaron optando por outros concellos como Xove. “Foi unha oportunidade perdida para Viveiro”, lamentan.

En 2021, o Parlamento Galego aprobou por unanimidade instar ao Goberno central a ceder gratuitamente o inmoble ao Concello. Porén, a Tesourería Xeral da Seguridade Social rexeitou a cesión tanto á administración municipal como á Xunta de Galicia.

A situación deu un xiro o 3 de decembro de 2024, cando a Seguridade Social sacou a poxa pública o edificio por 403.509 euros, unha cifra “notablemente inferior” aos 700.000 euros comunicados anteriormente, segundo destacan os concelleiros. A poxa, con todo, quedou deserta.

Por Viveiro considera que Celeiro, e por extensión todo o municipio, precisa espazos como este para acoller actividades veciñais, culturais, sociais e deportivas. O edificio, que dispón de diversas salas e un amplo patio exterior, “sería un recurso extraordinario se pasa a mans municipais”.

Por todo isto, a moción presentada recolle dous acordos principais: por unha banda, solicitar formalmente á Tesourería Xeral da Seguridade Social e ao Goberno do Estado a cesión gratuíta do antigo colexio; e, por outra, dar traslado do acordo ao Goberno galego e aos grupos do Parlamento de Galicia para que apoien e impulsen esta reclamación.

⚙ Configurar cookies
0.24618101119995