Por Viveiro propón instar á Xunta a incluír nos orzamentos do ano 2024 as melloras na estrada LU-540
O grupo político Por Viveiro vai presentar unha moción no pleno para a axilización das obras de mellora da estrada LU-540, estrada que capta máis trafico de entrada e saída do Concello.
Así, din que debido á carencia de estradas de primeiro nivel e adaptadas, "necesítanse vías de comunicación que posibiliten facer desprazamentos rápidos e que minimicen riscos de seguridade para as persoas, e un dos factores que lastra e limita o desenvolvemento económico do concello de Viveiro, sendo prioritaria a realización das obras de mellora prometidas na estrada LU-540".
Lembran que a Xunta de Galicia anunciaba no mes de maio de 2019, en plena campaña electoral para as eleccións municipais, o proxecto de mellora da estrada LU-540, estrada que comunica Viveiro coa autovía AG-64 en Cabreiros. As melloras previstas serían entre os kilometros 5 e 39,5 e consistirían na modificación do trazado nalgunha das curvas e na creación de 8 carrís de adiantamento. A previsión inicial era a de licitar o proxecto no ano 2019 e un ano despois proceder a licitar e adxudicar as obras, presupostadas en 2,6 millóns de euros.
Tres anos despois, en maio de 2022, a Xunta de Galicia presentou un novo proxecto de reforma da estrada LU-540, no que as principais melloras, presupostadas en 13,4 millóns de euros, eran de sete novos carrís de adiantamento (cinco en dirección a Cabreiros e dous en dirección a Viveiro), que sumaban un total de 4,6 kilometros, rectificación de curvas, melloras de seguridade nos cruces e reforzamento do firme nos 35 quilómetros do proxecto (dende o kilometro 5 ata o 39,5).
Necesidade dunha autovía
En Por Viveiro "entendemos que a comunicación por estrada entre Viveiro, Concello de máis poboación da Mariña e terceiro da provincia, e a autovía AG-64 en Cabreiros, debería ser transitando por unha autovía, ou cando menos por unha vía de alta capacidade con posibilidade futura de desdobramento. Por iso, solicitamos a realización por parte da Xunta de Galicia das obras previstas no proxecto de mellora da LU-540 presentado en maio de 2022".
"Van pasando os anos e os veciños e as veciñas de Viveiro, ven como as melloras prometidas seguen na fase de proxectos. Estamos de novo en tempos de orzamentos da administración autonómica, será o ano 2024 cando as obras de mellora da estrada LU-540 sexan unha realidade ou Viveiro será esquecido unha vez mais?", denuncian.
Por todo o exposto anteriormente, o Por Viveiro proporá en pleno instar á Xunta de Galicia a incluír nos orzamentos do ano 2024 una partida que permita licitar e acometer a realización das obras de mellora da estrada LU-540 no ano 2024.