Por Viveiro propón crear un museo de imprenta

AMariñaXa
Desde o grupo sinalan que podería ubicarse no antigo Centro Comarcal da Mariña Occidental en Lodeiro
Manuel-Galdo-Por-Viveiro-2023
23 Nov 2024

Bernardo Fraga Galdo e Manuel Galdo Dopico, concelleiros do grupo de Por Viveiro da Corporación Municipal de Viveiro  presenta ao Pleno Municipal unha moción para a creación do museo de imprenta de Viveiro.

Así, sinalan, que no mes de xaneiro do ano 2024 prodúcese o peche da empresa Alco en Viveiro, empresa que na ultima etapa se dedicaba a distribución maiorista de papelería, xoguetes e agasallos e que durante moitos anos foi un referente no sector da imprenta na nosa cidade e tamén en toda a comarca. A empresa foi fundada por Antonio Santiago Seijo  no ano 1911, pasando a denominarse Artes Gráficas Santiago no ano 1938, razón social que se mantivo activa ata hai uns anos.

Viveiro pode presumir "dunha longa traxectoria no mundo da imprenta", o primeiro establecemento tipográfico de Viveiro foi fundado en 1877 polo tipógrafo e impresor Teodoro Botino, logo iniciaría a súa actividade a imprenta El Vivariense en 1890,  posteriormente en 1912 comenza a actividade da imprenta do Heraldo de Vivero.  O longo de todo este tempo funcionaron outras imprentas: Temprano, Mi Imprenta, de José Basanta Burgos, establecida dende 1931 e vendida a  Luís Neira Río en 1948 que deu lugar a actual Gráficas Neira Brochs, a imprenta de Epifanio Gutiérrez Arnabat, Luma,  Diagar, Xoquina e Pemargo. "Para facernos unha idea da importancia da actividade da imprenta en Viveiro, chega con dicir que no espazo temporal de 1886 a 2024 editáronse na nosa cidade máis de trinta cabeceiras de prensa", afirman.

Na actualidade, ademais de Gráficas Neira Brochs continúa en funcionamento a imprenta Gráficas Lar, fundada por Manuel F. López Martínez en 1980.

Para que toda esta bagaxe non se perda, dende Por Viveiro, propoñen  a creación dun museo da imprenta na cidade, que podería ubicarse no antigo Centro Comarcal da Mariña Occidental en Lodeiro, propiedade do Concello dende o ano 2016.

"Por todo o exposto anteriormente, trasladamos a seguinte proposta de acordo para a súa aprobación en pleno: a adquisición por parte do Concello, ben sexa directamente ou en colaboración con outras administracións, da maquinaria e materiais da empresa Alco, actualmente en liquidación,  que teñan valor museístico; e a creación do Museo da Imprenta no edificio do antigo Centro Comarcal da Mariña Occidental en Lodeiro", propoñen.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20268797874451