Por Viveiro pide unha solución á problemática do parque de bombeiros
Por Viveiro vén de trasladar unha proposta para a súa aprobación no vindeiro Pleno na que instar á Xunta de Galicia e Deputación de Lugo, "administracións responsables do Consorcio Provincial de Lugo, a unha rápida solución da problemática actual do parque de bombeiros de Viveiro para evitar que se repitan as causas que poidan obrigar a novos días de peche".
"No mes de maio de 2011 inaugurábase o parque de bombeiros de Viveiro, conxuntamente con outros cinco parques na provincia de Lugo. Todos estes parques pertencen o Consorcio Provincial de Lugo para a prestación dos servizos de Contra incendios e Salvamento, e que foron financiados pola Xunta de Galicia e pola Deputación de Lugo, cunha participación dun 50% cada entidade", di o voceiro municipal Bernardo Fraga.
Dende a posta en funcionamento do parque de Viveiro," a Xunta de Galicia e Deputación de Lugo, externalizan a xestión do servizo, sendo a empresa Veicar a adxudicataria do mesmo", engade.
"A partires de 2019 a Deputación decide facerse cargo da xestión do parque de bombeiros de Viveiro e do resto de parques da provincia de Lugo. Pasando a cadro de persoal, actualmente no parque de Viveiro traballan 20 persoas, a depender da Deputación de Lugo como persoal laboral, manténdose o financiamento do 50% por parte das dúas administracións propietarias do Consorcio Provincial", di Fraga.
A día de hoxe o parque, ademais de "certos problemas de mantemento e conservación, arrastra un longo período de conflitividade laboral, debido a unha errática política salarial, que supón que os traballadores dos parques de bombeiros da provincia de Ourense, ultima provincia en cancelar a externalización do servizo, teñan ingresos mensuais sensiblemente superiores aos traballadores dos parques da provincia de Lugo".
Segundo os protocolos de funcionamento o persoal mínimo para manter o parque aberto e estar en disposición de atender unha emerxencia e de 3 persoas por cada quenda de 24 horas. "No ano 2023 o parque de bombeiros de Viveiro estivo pechado por falta de persoal mais de 10 días, si acontece unha emerxencia un día no que o parque está pechado, hai que derivar a chamada a un dos parques próximos (Barreiros ou Vilalba) o que incrementa notablemente o tempo de resposta", remata dicindo.