Por Viveiro pide unha rebaixa do IBI ás novas empresas do polígono
O Grupo Municipal de Por Viveiro trasladará unha nova proposta para a súa aprobación en pleno que consiste na bonificación do 100% do recibo do imposto de bens inmobles (IBI), no ano de solicitude da licencia de nova actividade para o parque empresarial de Landrove. Ademais considera que esta bonificación aplicará tamén para os dous anos posteriores.
O parque empresarial de Landrove, inaugurado no ano 2011, conta con unha extensión de 130000 m2 de superficie total, sendo a zona de aproveitamento industrial e comercial de 85000 m2. "A demora na súa posta en funcionamento supuxo que moitas empresas, interesadas en instalarse no noso concello, tivesen que buscar acomodo noutros concellos da contorna, dada a total carencia de solo industrial en Viveiro", explican.
O parque empresarial, xestionado por Xestur Lugo, divídese en 44 parcelas, con unha superficie que vai de 500 ata 10.000 metros cadrados, a demanda inicial de empresas interesadas en situarse en Landrove foi escaso, sendo o principal obstáculo o elevado prezo inicial das parcelas, dende a rebaixa acometida en 2016 por Xestur, a ocupación do polígono foise incrementando paulatinamente, debido principalmente a implantación de varias empresas do sector forestal.
"A pesares do incremento de solicitudes dos últimos anos, a día de hoxe, case 11 anos despois da súa inauguración, aínda hai bastantes parcelas sen ningunha actividade. En Por Viveiro entendemos que o Concello de Viveiro debe adoptar as medidas necesarias para facilitar a implantación de novas empresas no parque empresarial de Landrove, sendo moi importante a bonificación das cargas impositivas nos primeiros anos de actividade", engaden.