Por Viveiro pide que se muden de sitio os aseos portátiles dos xardíns Noriega Varela
Por Viveiro presentará un rogo no Pleno municipal sobre os aseos portátiles dos xardíns Noriega Varela instalados a primeiros do verán.
"Entendemos a decisión nunha tempada na que a poboación de Viveiro se incrementa considerablemente pola moita afluencia de persoas que teñen o noso concello como destino de vacacións e que deben ser atendidas debidamente, aínda que non consideramos idónea a súa ubicación", di Manuel Galdo Dopico, concelleiro do Grupo Municipal de Por Viveiro.
"Non parece de recibo que, estes aseos portátiles se instalen en pleno paseo de fachada da ría, dando unha imaxe moi deficiente de toda a contorna. Un concello coma o de Viveiro, declarado de excelencia turística, debe ser mais coidadoso con este tipo de decisións, e buscar ubicacións mais axeitadas e de menor impacto", engade.
Así, piden que se reubiquen nun lugar "máis axeitados".