Por Viveiro pide ampliar o horario da oficina de turismo
"A recuperación e potenciación do sector turístico e fundamental para a reactivación da economía despois da crise ocasionada pola pandemia da covid-19, dada a dependencia deste sector tanto a nivel do estado como a nivel autonómico", di Bernardo Fraga Galdo, voceiro do Grupo Municipal de Por Viveiro, "sendo este razoamento aínda mais importante no caso do Concello de Viveiro, que basea aproximadamente un 50% da sua actividade económica no sector servizos".
"A oficina de turismo de Viveiro é visita obrigada para moitas das persoas que chegan a este concello e que demandan información das posibilidades de ocio vacacional que ofrece. Sendo prioritario ter un horario de atención o publico que cubra todos os días da semana, podendo minimizar o horario de luns a xoves, para potencialo de venres a domingo, que son os días de maior afluencia de visitantes", engade Fraga.
A día de hoxe a oficina de turismo ten un horario de luns a venres de 10 a 14 horas e de 16.30 a 19 horas, sábados de 11 a 13.30 horas e os domingos está pechado.
Dende Por Viveiro entenden que non se lle pode pedir a persoa responsable da oficina "que ela sola cubra este horario que nos demandamos, por todo o exposto pedimos que se posibilite ter un horario de atención ao publico de luns a domingo na oficina de turismo".