Por Viveiro pide a reactivación do proxecto da A-74
O grupo municipal Por Viveiro vén de presentar unha moción para debatir no próximo Pleno. Nela pide un acordo de todos os partidos para instar o Goberno central á activación da construción da autovía A-74.
Como detallan esta activación deberá pasar pola licitación no ano 2021 das obras do tramo Barreiros-Foz, e tamén polo remate no ano 2021 dos proxectos pendentes, tramo Foz-Burela e tramo Burela-San Cibrao, e poder licitalos no primeiro trimestre do ano 2022.
A intención é enviar este acordo a Mancomunidade de concellos da Mariña, para que valoren solicitar o Goberno central o seu cumprimento.
Como lembra Por Viveiro, trala aprobación do trazado da A8 ata Barreiros e desviándose por Lourenzá e Mondoñedo, hai 20 anos, acordouse contruír unha autovía entre Barreiros e San Cibrao que constara de tres tramos.
"Poderiamos pensar que 20 anos serían tempo dabondo para que a A-74 estivera rematada e que se puidera circular por todo o seu trazado, porén 20 anos despois a obra no está rematada, nin empezada, nin licitada, nin os proxectos dos tramos 2 e 3 rematados", explican.
Consideran tamén que na crise actual "a autovía A-74 é un dos eixes fundamentais para a reactivación do sector servizos, para o afianzamento de sectores produtivos básicos como son o pesqueiro e o forestal, e que sirva como incentivo para a implantación na Mariña de pequenas e medianas empresas".