Por Viveiro pide a licitación da variante de Viveiro entre Area e A Arredoada, en Landrove
Bernardo Fraga Galdo e Manuel Galdo Dopico, concelleiros de Por Viveiro presentan unha moción para a activación da variente de Viveiro, referíndose ao tramo dende Area ata Landrove. Aseguran que é ben coñecido o déficit de infraestruturas por estrada que padece o concello, "déficit que, ademais de limitar a realización de desprazamentos por estrada con rapidez e seguridade, lastra e dificulta o desenvolvemento económico". Despois da decisión do Goberno central de levar a autovía A8 ata Vilalba, a Xunta de Galicia promete a construción dunha vía de alta capacidade entre San Cibrao e Ferrol, para compensar dos efectos desta medida ós concellos da Mariña e Ortegal, vinte e cinco anos despois
unicamente están en servizo dous tramos, as variantes de Xove e Ortigueira.
Esta vía de alta capacidade incluía o compromiso da construción da variante de Viveiro, un dos factores
fundamentais do devandito déficit de infraestruturas e que implica que todo o trafico de entrada e saída de Viveiro teña que circular pola ponte da Misericordia e pola Travesía da Mariña, feito que provoca importantes retencións nas épocas de moita afluencia coma son os meses de verán, ademais do constante deterioro do pavimento debido ao tráfico pesado que habitualmente circula por estas vías.
Logo de que o trazado da variante de Viveiro fora aprobado polo pleno da corporación no ano 2006, "transcorridos 18 anos, non se ten producido ningún avance significativo para a construción da variante de Viveiro, o terceiro Concello con mais poboación da provincia de Lugo, nada se sabe". No proceso de aprobación do PXOM de Viveiro, no mes de setembro de 2021 previa negociación do portavoz do noso grupo cos grupos de PP e PSOE, chegouse a un consenso sobre o trazado da variante, o cal figura grafiado no PXOM que supostamente se vai aprobar algún día, pero para o cal, perdimos toda esperanza.
En Por Viveiro entenden que é fundamental e prioritaria a construción do tramo entre Area e A Arredoada en Landrove, "pois captaría unha parte moi importante do trafico de entrada e saída de Viveiro procedente de Galicia e do estado pola estrada LU-540 e da Mariña pola estrada LU-862. Podendo quedar para unha fase posterior o tramo entre Landrove e o limite co concello do Vicedo". Por todo, piden realizar ante a Xunta as xestións necesarias para unha rápida licitación do proxecto, segundo o trazado consensuado no 2021, e posterior licitación da construción do tramo da variante de Viveiro entre Area e A Arredoada en Landrove e tamén o traslado deste acordo á Mancomunidade de Concellos da Mariña, da que tamén solicitan a súa aprobación.