Por Viveiro lamenta que os Orzamentos non teñan nin unha soa política novidosa

AMariñaXa
A condición principal que os independentes tiñan para a aprobación do orzamento era que todas as asociacións deportivas, culturais e sociais de Viveiro cobraran as axudas prometidas no ano 2023
por_viveiro_agrupacion
5 Xul 2024

Os independentes de Por Viveiro facilitaron a aprobación dos orzamentos municipais de Viveiro mediante a súa abstención. A condición principal que os independentes tiñan para a aprobación do orzamento era que todas as asociacións deportivas, culturais e sociais de Viveiro cobraran as axudas prometidas no ano 2023 e a mesma cantidade no ano 2024. De aprobarse os orzamentos presentados en decembro, a quita que se propoñía levar a cabo faría inviables moitas entidades as cales estarían en perigo real de desaparición.

"Estes non son os nosos orzamentos, non avanzan en absoluto no cumprimento do pacto de investidura que temos co Goberno local, por iso non teñen o noso voto favorable, pero tivemos en conta que practicamente toda a actividade cultural e deportiva de Viveiro está en asociacións e en clubs sen ánimo de lucro, que na súa inmensa maioría traballan de maneira altruísta por Viveiro, e non deben ser eles quen paguen a mala xestión económica do goberno municipal no ano 2023”, indica Bernardo Fraga, portavoz dos independentes.

Por iso dende Por Viveiro, mantéñense “firmes estes meses, ata que a garantía de manter as axudas foi real e se plasmou así no documento orzamentario". Os independentes no pleno tamén criticaron que os Orzamentos Municipais non teñen nin unha soa política novidosa, son totalmente continuistas cos anteriores e non buscan mellorar a nula capacidade inversora coa que contamos.

“Partimos de menos 390.000 euros que o goberno gastou de máis o ano pasado, nun ano electoral de descontrol económico, situación que lastra o día a día do concello.  Resultou realmente sorprendente que o BNG, que tanto falaba de cambios e novidades na acción de goberno faga seguidismo dun PSOE ao que criticou duramente nos últimos catro anos por facer presupostos similares aos que onte se aprobaron”.

0.17983198165894