Por Viveiro demanda a licitación dos postos vacantes na Praza de Abastos
Por Viveiro pídelle ao Equipo de Goberno a realización das xestións necesarias para unha rápida licitación dos postos vacantes na Praza de Abastos de Viveiro, que sempre foi o mercado emblemático da vila, aínda que “non pasa polo seu mellor momento”. Sosteñen que conta con doce locais como posibles puntos de venta, dos que a día de hoxe e despois dos últimos peches, unicamente cinco están abertos o publico, tres peixarías, unha froitería e unha tenda de ultramarinos, sendo a oferta cada vez menos variada.
Lembran que o Goberno local anunciou no pleno do 4 de outubro de 2023, contestando a unha moción presentada polo PP, a disposición a acadar a denominación de Mercado Excelente para a Praza de Abastos de Viveiro, nove meses despois, “estamos na mesma situación e non se coñecen avances significativos. O desanimo dos praceiros con postos de venta abertos e cada vez mais evidente, pois ven moi complicado o futuro da praza.
Dende a formación política tamén piden o arranxo das deficiencias do Camiño da Estación, xa que o firme “está moi deteriorado e con numerosas fochancas”, feito que “dificulta notoriamente a circulación, principalmente no tramo en curva”. Por último, volven a levar a Pleno unha nova localización para os sinais informativos situados na variante de Viveiro. Aseguran que están totalmente ocultos nas árbores da beirarrúa da estrada LU-862, camuflaxe que dificulta que “cumpran co obxectivo para o que foron instalados”.