Por Viveiro anuncia a retirada do seu apoio político a PSOE e BNG

AMariñaXa
A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, pide a Por Viveiro “valentía e que sexan claros” tras o anuncio
por-viveiro-24
8 Dec 2024

Os independentes de Por Viveiro anunciaron na súa sede a retirada do apoio político ao goberno municipal formado por PSOE e BNG. Na mesma participaron ademais dos concelleiros Bernardo Fraga e Manolo Galdo, gran parte da candidatura que presentaron ás pasadas eleccións municipais.

Bernardo Fraga, portavoz da formación local, explicou que tomaron esta decisión por unanimidade, ante incumprimento total do acordo de investidura asinado co Partido Socialista. “En setembro deste ano pedímoslle ao PSOE un plan de inversións e de políticas a realizar nos vindeiros meses, para manter o apoio a este goberno, e recibimos o silencio por resposta”, aseguran.

Trasladan desde o partido que a situación actual de Viveiro, é moi delicada e require dun punto de inflexión. As infraestruturas por estrada ou tren, non están nas prioridades dos grandes partidos, tanto dende a Xunta como dende o Estado, tal e como reflexan os orzamentos das distintas administracións para o ano 2025, onde o realmente importante para Viveiro non figura.

“Se a iso lle sumamos a falta de peso político, a ausencia de políticas en materia de creación de emprego, a falta en Viveiro dun PXOM que ordene o Concello e nos permita medrar e mellorar o noso entorno, a débeda limitante que só permite a realización de conservación e mantemento e ten lastrada a capacidade inversora, provocan que en Viveiro, as veciñas e veciños, teñamos a certeza de que nos estamos quedando atrás, e que case todos os concellos do entorno nos adiantan”, afirman.

Tamén fan fincapé na ausencia de liderado, “cun PSOE sen iniciativa política e sen ideas, un BNG preocupado máis pola súa propia imaxe que polo bo funcionamento do goberno, e un PP coa política de “canto peor mellor” e a súa portavoz utilizando o seu cargo público para minar a acción do goberno municipal, evidencian a parálise do noso Concello”.

Por iso, Por Viveiro, pide aos representantes en Viveiro das grandes forzas, PP, PSOE e BNG, que deixen de lado os intereses partidistas, e demostren que “poñen Viveiro por diante, aceptando publicamente a nosa proposta de creación dun goberno de concentración, liderado por un Alcalde ou Alcaldesa de consenso e que traballe en conxunto polo presente e futuro de Viveiro”.

O PP REPLICA

A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, replica aos representantes de Por Viveiro que “foron os veciños de Viveiro os que falaron o ano pasado nas furnas, dixeron claramente que queren un goberno do PP á fronte do Concello que non é unha realidade porque foron os concelleiros de Por Viveiro os que decidiron que non”.

Mariña Gueimunde é rotunda: “Non estamos no patio do colexio, a política é algo moi serio e non se pode empregar como un xoguete e dicir que hoxe quere esta alcaldesa a mañá outra”. A portavoz popular recorda que a elección dos representantes municipais é un proceso regrado por lei polo que “se os representantes de Por Viveiro non están de acordo co actual goberno local o que teñen que facer é apoiar unha moción de censura que xa lle plantexou o PP”.

A realidade é que os representantes de Por Viveiro “son cómplices, culpables e responsables da parálise que sofre o municipio xa que cando se elixiu á alcaldesa eles decidiron apoiar directamente á candidatura socialista, renunciando a presentarse como opción de goberno”. Ademais, Mariña Gueimunde pide a Por Viveiro “valentía e que sexan claros” xa que o que non se atreven a dicir “é que o que se agocha no seu anuncio é que queren a alcaldía a pesar de ser a forza minoritaria da corporación”.

0.14939212799072