Por Nuestro Faro resposta ao grupo parlamentario do BNG
Hai uns días, a Asociación Por Nuestro Faro dirixiuse ao BNG nacional para coñecer a súa postura como partido fronte á explotación privada de Illa Pancha, dado que participan activamente na defensa da Illa da Creba en Muros. "No noso correo deixamos constancia da posición do Concello de Ribadeo como partidario da privatización de Illa Pancha e de que logo de mes e medio de dar a coñecer a resolución do TSXG, onde se di que a illa debe estar aberta ao público, aínda non sexa aplicada", di a presidenta do colectivo ribadense Covadonga Suárez.
Un día despois, o grupo parlamentario do BNG respondeu defendendo a legalidade do Concello pero sen dar unha resposta directa con respecto á política do BNG, "supoñemos que por falta de información obxectiva sobre o tema, polo que nos temos dirixido de novo ao grupo parlamentario para matizar a nosa pregunta, aportar explicacións e enviar documentación", di Suárez.
De xeito moi resumido tratamos de explicar a situación en 4 folios.
Aclaran que:
«a nosa pregunta non concirne a suposta legalidade ou ilegalidade dos trámites administrativos seguidos polo Concello, […]. Particularmente quixéramos saber cal é a posición política do BNG respecto da privatización da Illa Pancha, se non considera que os dereitos dos veciños son vulnerados como o foron na Illa da Creba».
Lembran que "o nacemento do colectivo Por Nuestro Faro, […] foi determinado pola evidente usurpación dos dereitos dos veciños a favor dunha empresa privada e ahí entra en primeiro lugar a decisión política do Ministerio de Fomento e a decisión política de apoialo abertamente dende o primeiro momento do alcalde de Ribadeo do BNG".
Expoñen que "No caso da tramitación do proxecto da Illa Pancha hai numerosas e evidentes irregularidades denunciadas repetidamente polo noso colectivo, […] notificadas ao Concello de Ribadeo e á Autoridade Portuaria repetidamente, sen que estes organismos adoptasen medidas eficaces para cumprir a legalidade".
E citan dúas cuestións nas que está directamente implicado o Concello de Ribadeo. A primeira "a falla de Estudo de Impacto Ambiental (polo menos simplificado) que esixe a lei 21/2013 de Avaliación Ambiental para proxectos en Zona de Protección da Rede Natura 2000. [...] Diante das demoras e incumprimentos da Autoridade Portuaria, o Defensor del Pueblo ratifica cinco veces máis os seus prantexamentos ata o 10 de outubro de 2018.[...] A actitude do Concello de Ribadeo foi someterse ao criterio da Autoridade Portuaria cando a competencia para conceder as licenzas era exclusivamente súa e intransferíbel".
A segunda, "refírese ao acceso á illa polos veciños, visitantes e medios de auxilio, emerxencias, ambulancias etc. O día 23 de novembro de 2016 o Sr. Alcalde declarou aos medios que non se podería conceder a licenza de actividade se non se establecía o acceso libre á totalidade da illa e o día 1 de decembro de 2017 aprobouse a concesión da licenza de actividade ca condición expresa de que a porta estivese expedita para o público en xeral. A realidade é que a día de hoxe, 24 de maio de 2022, a porta de acceso segue pechada (agás algunhas horas en días de verán por acceso á cafetería)".
E, no que respecta á sentencia do TSXG, facen fincapé en que as sentenzas non lle dan nengún respaldo ás decisións políticas do Concello nin xustifican a súa omisión de suspender a licenza. "Sinxelamente, deixan claro que o acceso debe ser libre e quitanlle a razón a empresa concesionaria, pero a decisión política do Concello de Ribadeo de eludir a aplicación da norma devandita é independente das sentenzas xudiciáis, e forma parte das súas competencias ineludibeis".
En resumen, a suposta legalidade á que se acolle o alcalde de Ribadeo para xustificar o seu apoio político deliberado ao proxecto de privatización da Illa Pancha "é doada de desmontar sen entrar noutros aspectos sumamente dubidosos como son o desdobre inicial de proxectos, a tramitación con lexislación equivocada, a fosa séptica sen legalizar dende agosto de 2018 verquendo á Ria de Ribadeo (Rede natura 2000), a acupación da zona non concesionada polos usuarios dos apartamentos, a falla de memoria económica e a contradicción neste punto entre o proxecto inicial e o que foi aprobado posteriormente. En fin, unha riola de irregularidades como mínimo discutibeis que o Concello de Ribadeo pasou por alto e segue a pasar ca disculpa (suposta) de que non son da súa competencia pero evitando verificación dos feitos reais", remata dicindo Suárez.