Por Nuestro Faro pide cumprir a lei coa illa Pancha
Ante a noticia da nova sentenza sobre o acceso á Illa Pancha a Asociación Por Nuestro Faro comunicou o seu malestar pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de desestimar o recurso da empresa concesionaria dos apartamentos da Illa Pancha contra a sentenza do Xuzgado nº2 do Contencioso Administrativo de Lugo favorable ao Concello de Ribadeo que esixía a apertura ao público da porta de acceso.
"Dito así semella que a illa estará aberta aos veciños nos próximos días, pero de iso non hai indicios", din desde o colectivo. "Para que se entenda a situación, debemos lembrar que o Concello concedeu a licenza de actividade dos apartamentos o día un de decembro de 2017, ca condición expresa de que a porta estivese aberta ao público sen limitacións", engaden.
Sen embargo, pese as reiteradas denuncias do grupo de que a porta seguía pechada, "o alcalde negouse a aplicar a lei, suspender a licenza e pechar os apartamentos por incumprimento das mínimas condicións de seguridade do establecemento hostaleiro. E aquí chegamos a un punto decisivo que tanto o Concello como os tribunais de xustiza eluden sistematicamente pese ás denuncias do noso grupo: o peche sistemático da porta da Illa Pancha non só incumpre as esixencias da Lei de Costas sobre o dereito de acceso da veciñanza á zona de servidume de tránsito, senón o que é moito mais grave, a barreira que supón a porta a ambulancias, equipos de extincións de incendios e outros servizos de este tipo", din desde Por Nuestro Faro.
"Aquí debemos suliñar unha vez mais que a connivencia entre o concello de Ribadeo e a Autoridade Portuaria do Ministerio de Fomento para privatizar a Illa Pancha bordea nunha responsabilidade criminal en caso de accidente, incendio ou imprevistos similares. Por eso cargar as tintas agora sobre a empresa concesionaria, que naturalmente ten a sua parte de responsabilidade, non deixa de ser unha artimaña para eludir o nó gordiano da cuestión, que é a decisión política do concello de Ribadeo e da Autoridade Portuaria de privatizar a Illa Pancha a calquera custe", sinala a directiva do colectivo.
"En resumen, a sentenza agora coñecida do TSXG só ven a ratificar e confirmar que as denuncias da Asociación Por Nuestro Faro, sempre se axustaron a dereito e sempre defenderon os intereses colectivos dos ribadenses, e mesmo que o concello non fixo mais que dilatar as decisións e agochar información para facilitar a privatización da Illa Pancha e impedir que os veciños e veciñas poidan desfrutar do seu dereito legal a entrar nese espazo cando lles pete", engaden.
En consecuencia, o colectivo esixe unha vez máis que se cumpra a lei e pregunta ao alcalde por qué se manten unha actividade que incumple as condicións da licenza despois de catro anos e medio xenerando un risco evidente para a seguridade e dando pe a duas sentenzas condenatorias.