Por Nuestro Faro pide ao alcalde de Ribadeo que aplique a Lei
A asociación de veciños Por Nuestro Faro pide ao alcalde de Ribadeo que aplique a Lei tralo informe do Defensor del Pueblo recibido pola Asociación e polo alcalde o pasado mes de febreiro.
A queixa enviada ao Defensor por parte da Asociación tiña como orixe o procedemento administrativo seguido polo Concello de Ribadeo para aprobar a licenza de apertura da cafetería da Illa Pancha, sen ningún tipo de informe medioambiental.
Así, dixéronlle ao rexedor municipal "como lembrará ou terá constancia polos arquivos do Concello, o proxecto de cafetería foi aprobado pola Xunta de Goberno do Concello de Ribadeo o día 19 de maio de 2020, ou sexa dentro do período de confinamento, cando as oficinas do Concello non estaban abertas ao público, sen que existise un motivo de urxencia xustificado e un mes antes de que o noso grupo poidese acceder ao expediente".
O día 20 de xullo de 2020, dentro do prazo legal, "o noso colectivo presentou un Recurso de Reposición en base ao argumento seguinte: se o proxecto inicial dos apartamentos turísticos requería a realización dun Estudo de Impacto Ambiental Simplificado para evaluar a posible afección aos obxectivos de conservación da Rede Natura 2000 -e así foi admitido pola Autoridad Portuaria-, resultaba obvio que debera ser preceptiva a realización do devandito estudo diante dun novo proxecto de cafetería aberta ao público que multiplicaría os impactos do proxecto inicial".
"Con todo o Concello de Ribadeo rexeitou o noso recurso, e sen base xurídica algunha respostounos que os informes do Defensor del Pueblo facían referencia ao proxecto inicial e non serían de aplicación á nova cafetería prevista no segundo proxecto. Unha resposta que cualificamos de incoherente e que só agochaba a decisión de non avaliar os innegables impactos do segundo proxecto. Tamén era evidente a falacia de afastar os impactos do primeiro proxecto dos do segundo, negándose a aplicar a normativa vixente nun espazo da Ría de Ribadeo afectado pola Rede Natura 2000, como ven recollido no art. 7.2 da lei de Impacto Ambiental 21/2013 de 9 de decembro", engaden.
Todos estes extremos foron notificados ao Defensor del Pueblo que xa con data do 2/11/21 nos notificou, como tamén ao Concello de Ribadeo, que "os procedementos establecidos na Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental, deben ser previos á autorización sustantiva; e tamén aos actos municipáis de intervención, tanto no outorgamento de licenzas como de supervisión de comunicacións previas, de acordo con a lexislación urbanística".
O Defensor del Pueblo no seu último informe do pasado mes de febreiro expresa que "el certificado de no afección del proyecto a la red Natura 2000 en la medida en que excluye una evaluación reglada en un gran número de supuestos, debe estar suficientemente motivada conforme a la ley y, por tanto, debe incluir todos los efectos apreciables que puedan producirse durante la ejecución y explotación del proyecto y estar referida a los objetivos de conservación del espacio, de manera que quede acreditado que no se afecta a la integridad de dicho espacio." […] "Si no se valoran todos esos efectos, no puede decirse que la valoración haya sido adecuada ni que la Administración se haya asegurado de que el proyecto no perjudica la integridad del espacio".
"Agora teñen, como temos nos, a evidencia documental e xurídica de que veñen mantendo un procedemento administrativo irregular, ou sexa fora da norma esixida, e que os dous proxectos de Apartamentos e Cafetería na Illa Pancha, desdobrados por unha decisión inxustificable, deberan ter sido sometidos ao preceptivo Estudo de Impacto que esixe a lexislación devandita", di o colectivo.