Por Nuestro Faro denuncia a prórroga “opaca” da concesión da illa Pancha

A asociación veciñal Por Nuestro Faro vén de denunciar publicamente a recente prórroga da concesión da illa Pancha, aprobada sen previo aviso e sen ofrecer resposta ás múltiples peticións de información remitidas á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. A noticia, que saltou aos medios coincidindo co Ribadeo Indiano, confirma a continuidade da explotación privada do emblemático faro durante cinco anos máis, en condicións que a entidade considera "irregulares" e "opacas".
Desde a asociación lembran que esta non é a primeira vez que a illa queda excluída do acceso público. En 2015, Xunta, Concello e Autoridade Portuaria presentaron conxuntamente un proxecto para pechar o recinto ao público e destinalo a uso hostaleiro. Segundo denuncian, a concesión inicial foi tramitada sen concurso público, a través dunha adxudicación directa a Eirobra, a empresa promotora, cuxa xestión foi reprobada en dúas ocasións mediante a bandeira negra outorgada por Ecoloxistas en Acción.
O colectivo asegura que durante esta década a falta de información oficial e a opacidade institucional impediron calquera tipo de protesta efectiva. Como exemplo, apuntan á licenza da cafetería, concedida sen publicidade durante o confinamento, ou ao acceso restrinxido á illa, que non se permitiu ata a apertura do negocio hostaleiro. Aínda que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recoñeceu en 2022 o dereito da cidadanía a acceder á illa, esta ilegalidade prolongouse institucionalmente durante sete anos.
Por Nuestro Faro critica que a día de hoxe o espazo segue carecendo dun plan de protección ambiental, incumprindo así a normativa vixente sobre zonas ZEC e ignorando os informes do Defensor del Pueblo, que recomenda suspender calquera actividade ata contar cos preceptivos estudos ambientais. En palabras do colectivo, “a prolongación da concesión confirma o desleixo das institucións fronte á defensa do patrimonio natural e o dereito á participación cidadá”.
Para a asociación, o mantemento dun acceso limitado, sometido aos horarios dunha empresa privada, “non resolve a situación nin garante a protección da illa Pancha”, un enclave que segue en situación de desprotección e “nunha irregularidade institucional asumida e consentida desde hai unha década”.
