Pontón sinala que un Goberno do BNG impulsará a intervención pública de Alcoa como empresa estratéxica
A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, de visita institucional no concello de Barreiros avanzou desde A Mariña que o BNG aposta pola intervención pública de ALCOA como a vía definitiva para rematar coa chantaxe e os continuos incumprimentos da multinacional e garantir a produción e o emprego.
Nese sentido, adiantou que, se ten a confianza para ser a próxima presidenta de Galicia, será un asunto que terá a súa máxima implicación.
“Como presidenta, defenderei a intervención pública da Xunta en Alcoa e reclamarei que o Estado tamén participe, unha intervención conxunta de ambas administracións que despexe dunha vez por todas o futuro desta factoría, tanto en termos de produción como de emprego”, declarou, asegurando que é unha cuestión estratéxica. “Se son a próxima presidenta poñerei sobre a mesa a intervención pública como asunto prioritario”.
É posible esa intervención porque se trata dunha empresa estratéxica para a comarca da Mariña, para Galiza e para o conxunto do Estado porque é a única factoría de produción de aluminio. “Só fai falta vontade política, a mesma que levou ao Goberno central a entrar en Telefónica facéndose co 10% da compañía”, alegou, “se foi posible con Telefónica é posible con ALCOA para garantir a produción e os miles de empregos desta factoría. E, desde logo, quero deixar moi claro hoxe na Mariña que iso é o que defenderei como presidenta”, afondou.
Pontón asume este compromiso despois de que este mesmo mes se coñecera que a multinacional se negaba a cumprir o acordo asinado cos sindicatos, en particular deixando no aire os investimentos máis importantes, un novo incumprimento que volve colocar na indefensión ós traballadores e ás traballadoras e, por derivación, á comarca da Mariña, coa repercusión económica e social que iso implica.
“No BNG pensamos que nin A Mariña, nin Galicia pode estar sometida a unha chantaxe permanente por parte da multinacional, sobre todo porque estamos ante unha empresa estratéxica para o noso país e a única fábrica de produción de aluminio de todo o Estado”, concluíu.