Pontón lembra en Viveiro que o BNG pedirá que Galicia sexa declarada zona altamente dependente da pesca
A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu no mitin de Viveiro unha gran mobilización de toda a cidadanía que quere que Galiza teña voz propia en Bruxelas, reclamando un apoio masivo nas urnas á papeleta do BNG que lidera Ana Miranda para garantir un escano galego en Europa. “Somos a candidatura de toda esa cidadanía que quere que Galiza teña unha voz forte e libre que a defenda na Eurocámara e, ao mesmo tempo, que esa voz se alce a favor dunha Europa social, antimilitarista e pola paz”.
O escano do BNG “é o que marca a diferencia en defensa de Galiza e doutro modelo de Europa que inclúe todas as causas xustas, unha Europa social, pacifista, dos pobos”, salientou a líder nacionalista, quen puxo o traballo feito como o “mellor aval” para solicitar o apoio da cidadanía o 9 de xuño. Foi o BNG quen defendeu o dereito dos sectores produtivos, as infraestruturas estratéxicas, a rexeneración das rías ou un reparto equitativo de cotas de pesca, lembrou
Neste sentido, en Viveiro a líder nacionalista subliñou que unha das prioridades do traballo político do Bloque ante as institucións comunitarias será reclamar que a comunidade sexa declarada zona altamente dependente da pesca, así como unha reforma da Política Pesqueira Común para que deixe de dar un trato discriminatorio á frota galega na adxudicación de TACs e cotas. Ademais, alegou Pontón, o sector da pesca é un exemplo de que Galiza ten que ter dereito a decidir, “voz e voto” nas mesas de negociación nas que se toman decisións sobre asuntos estratéxicos para o País, “a pesca e o marisqueo é un deles”, subliñou.
Galicia ten 1.500 quilómetros de costa e unha das frotas de pesca máis importantes da UE, Bélxica ten 70 quilómetros de litoral e unha mini frota, pero está no Consello de Pesca e Galiza non, explicou Pontón, “hai que mudar este tipo de situacións que non teñen sentido”.
Na Mariña, Pontón tamén fixo referencia á multitudinaria manifestación celebrada en Palas de Rei, lembrando que foi o BNG quen en 2013 pelexou en Europa para frear a macromina de Corcoesto, “e no 2024 estamos loitando para frear a bomba ambiental da macrocelulosa de ALTRI que o PP quere colocar no corazón deste país, paramos a desfeita de Corcoesto e, man a man coa xente, imos parar a desfeita de ALTRI”, destacou.