Pontón destaca nas San Lucas de Mondoñedo a necesidade de apostar por un rural vivo
A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou Mondoñedo no día grande de celebración da histórica feira de As San Lucas e aproveitou a ocasión para coñecer máis de preto a tradición e tamén para reivindicar o medio rural.
“Necesitamos un medio rural vivo, con máis servizos e con máis apoios” declarou. A portavoz subliñou que o que se ve en Mondoñedo é “a potencialidade do noso medio rural, a enorme tradición que hai en torno a el e importante apostar por un medio rural vivo para darlle moito máis futuro á xente que vive aquí”.
Na visita estivo acompañada polo deputado no Parlamento galego, Daniel Castro; o deputado provincial, Daniel García; a alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Ana Ermida; o portavoz municipal do BNG en Mondoñedo, Eloi Cabanas; e concelleiros e concelleiras do Bloque na vila.