"Sacar a Galicia da crise non é o obxectivo de Feijoo" di Pontón

AMariñaXa
A portavoz do BNG, Ana Pontón, participou en Cervo nun acto político dentro da campaña con motivo do Día da Patria, un 25 de xullo
bng marina mitin cervo1
17 Xul 2021

A voceira nacional, Ana Pontón, participou en Cervo nun acto político dentro da campaña que o BNG desenvolve por todo o país con motivo do Día da Patria, un 25 de xullo, indicou “para celebrar a nación galega”, que este ano terá a “emoción especial” dos reencontros tras quince meses de pandemia, da lembranza das persoas que xa non están e a emoción do agradecemento a todos e todas as que deron o mellor de si para coidarnos, como xs profesionais da sanidade ou as traballadoras das residencias.

Un acto no que a líder nacionalista se preguntou se o xefe do Executivo galego non ten as súas prioridades alteradas, despois de que onte proclamase que o seu obxectivo é levar a Pablo Casado á Presidencia do Estado.

“Precisamos un presidente centrado en Galicia, pero o propio Feixóo dinos que o seu obxectivo é levar a Pablo Casado á Moncloa, cando o seu obxectivo debería ser sacar Galicia da crise e darlle unha oportunidade á xente nova para que non teña que coller as maletas; debería estar centrado en reforzar a sanidade e poñer en marcha outro modelo de coidados que non fixera negocio coa vellez, en apoiar a ciencia e a investigación, en definitiva,  en defender os intereses do noso País”, argumentou Pontón.

Por contra, alegou, a realidade demostra que para o presidente da Xunta “Galicia, Galicia, Galicia é só un slogan”, porque na práctica actúa como fiel seguidor do madricentrentrismo “que só mira para Madrid, Madrid, Madrid”.

Neste sentido, en referencia ao lema do congreso do PP, Pontón pregúntase “se o camiño por percorrer é o que o leva cara o centralismo madrileño, letal para os intereses dos galegos e das galegas; se é o camiño que leva ao PP cara a extrema dereita machista, racista, xenófoba a antigalega ou se ese camiño consiste en poñer os intereses do PP e de Pablo Casado por riba de Galicia, deixando que nos discriminen e colocando a riqueza do País ao servizo de multinacionais con sede en Madrid”.

Para a líder nacionalista, ese PP representa o pasado fronte o un Bloque Nacionalista Galego que representa o futuro,  “ un BNG que cada vez suma máis apoio social, que suma cada vez máis galegos e galegas que queren unha Galiza viva,  xusta e con oportunidades. Unha maioría social que non deixa de medrar e que ve en  nós a alternativa real ao PP para avanzar cara unha Galiza mellor”.

E para construír ese futuro hai que poñer a riqueza do País ao servizo do País, superar os vetos, os atrancos e o espolio auspiciado polas forzas estatais, que se alternan na súa discriminación con Galicia. ALCOA San Cibrao, indicou, é un exemplo dese agravio.

“Aquí na Mariña temos con Alcoa un exemplo de libro de como as forzas estatais nos  discriminan impedindo que nos beneficiemos da nosa riqueza eléctrica. E vemos o absurdo de ter miles de postos de traballo en xogo polo prezo da enerxía cando somos produtores de electricidade”, denunciou.

Intervención da Sepi

Pontón indicou que o BNG seguirá moi de cerca o encontro previsto o vindeiro luns entre a ministra de Industria, Reyes Maroto, e a dirección da multinacional, e volveu pedir a intervención da Sepi: “O futuro pasa porque haxa unha mediación da Sepi nesa compra, porque moito nos tememos que de non ser poderíamos estar ante outro fiasco como o vivido en Alcoa na Coruña, e sería unha irresponsabilidade por parte do Goberno do Estado e da Xunta permitir un novo fracaso”.

O Bloque traslada todo o apoio aos traballadores e traballadoras e insta ao executivos central e autonómico a garantir o emprego, vital para a comarca da Mariña.

Pontón animou aos galegos e as galegas a celebrar o Día da Patria, “un 25 de xullo de reivindicación e de poñer ante o mundo a existencia dunha nación que se chama Galicia e que quere conquistar un futuro mellor desde a confianza no país”, concluíu.

bng marina mitin cervo
0.18551802635193