Ponse en marcha o Ribadeo de Tapeo con propostas sostibles, veganas, vexetarianas e sen glute
Este sábado 20 de abril dará comezo o XVII Ribadeo de Tapeo, un dos concursos de tapas con máis renome de Galicia, que se prolonga ata o día 28. “Serán 26 petiscos que escenifican o bo facer e a creatividade da hostalaría de Ribadeo”, explica a concelleira de Turismo e Comercio, Marta Saiz. Nesta edición, queren dar un paso máis e ligar a gastronomía co territorio creando unha nova categoría de tapa máis sostible. “E como primeiro paso quixemos establecer como requisito que os petiscos fosen elaborados nun 50 % con produto local e que a organización comprobará a través da trazabilidade dos alimentos”.
Con esta nova categoría pretenden “poñer en valor a produción local e agroecolóxica apostando pola sustentabilidade nos tres eixos: o ambiental, o social e o económico”. Deste xeito, queren que o evento supoña o inicio cara un camiño de alimentación máis sostible ao mesmo tempo que Ribadeo de Tapeo continúe sendo o escaparate da hostalería e da súa profesionalidade.
“E que ademais abandeire unha das ocasións para a dinamización diaria da veciñanza e serva como escusa para pasear polas nosas rúas, visitar o noso comercio e xuntarnos nos bares de sempre coa xente de sempre, unha boa maneira de levantar os ánimos e o apetito a ritmo de cociña”.
Opcións para todos os públicos
Saiz agradece a colaboración de Eo Alimenta, que proporcionou asesoramento á hostalería e posibilitou unha rede de contactos entre os hostaleiros e as persoas produtoras da zona. A maiores da tapa + sostible, no Ribadeo de Tapeo tamén haberá propostas doces, veganas, vexetarianas e sen glute. Os premios serán outorgados por un xurado profesional e tamén polo público, que poderá votar nas urnas que atopará nos locais participantes ou a través da aplicación do Ribadeo de Tapeo na que deberá rexistrarse.
Para poder votar será obrigatorio ter degustado 5 tapas, para elo deberán ir selando o cartón ou para aquelas persoas que desexen votar a través da aplicación deberán ir escaneando as tapas que degusten a través do QR que atoparán en cada local. As persoas que participen poderán acceder a moitos premios.