Poñen fin ás obras de mellora nos accesos ás vivendas da zona da Variante
Finalizan as obras de mellora nos accesos ás vivendas da zona da Variante. Así o trasladou a Tenencia de Alcaldía, a través da Concellería de Obras do Concello de Viveiro, dirixida por Miriam Bermúdez. As actuacións, que foran aprazadas debido ás inclemencias meteorolóxicas, concluíron con éxito, incrementando de maneira significativa a seguridade e a accesibilidade para os veciños e veciñas desta área.
Os traballos realizados incluíron a repavimentación das rúas principais, co obxectivo de facilitar un tránsito máis seguro e cómodo ás vivendas desta zona, que constitúe un punto clave de conexión para a comunidade.
A concelleira de Obras, Miriam Bermúdez, destacou que, "despois de que as condicións meteorolóxicas obrigaran a aprazar algúns traballos, finalmente conseguimos rematar a obra, que mellora de maneira importante as condicións de acceso na Variante. Agradecemos a paciencia dos veciños e veciñas durante este tempo e confiamos en que estas melloras contribúan á súa seguridade e benestar".
Ademais, a edil anunciou que o Concello de Viveiro xa está a desenvolver un novo proxecto para continuar mellorando as infraestruturas desta zona. Este plan incluirá a ampliación das actuacións, permitindo reparar máis metros de vías e seguir optimizando os accesos para os residentes.