Poñen en marcha a cuarta edición do campus do Atlético de Madrid, en Ribadeo

AMariñaXa
Celebrarase en Ribadeo do 29 de xullo ao 10 de agosto
presentación-campus-Atlético-de-Madrid
24 Xul 2024

Bota a andar a cuarta edición do campus de fútbol do Atlético de Madrid, que se celebrará en Ribadeo do 29 de xullo ao 10 de agosto. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que “a primeira quenda, a que vai do 29 de xullo ao 3 de agosto, adestrará no Campo do Outeiro, debido a que no Pepe Barrera se están a acometer estes días importantes traballos de mellora. A segunda quenda deste campus, a que vai do 5 ao 10 de agosto, xa poderá empregar o noso campo municipal”.

En total 170 nenos daranse cita neste campus de fútbol. O alcalde, Daniel Vega, agradeceulle ao Atlético de Madrid que “unha vez máis elixisen Ribadeo para impartir este campus, pola promoción que supón para a nosa vila e polos valores que lles transmiten aos asistentes. Ribadeo é unha vila aberta, que conta con diversas instalacións deportivas para acoller esta e outras propostas, que sempre estamos encantados de recibir”.

No acto de presentación participaron o alcalde, Daniel Vega; Manuel Sánchez, coordinador das Escolas e Campus de Tecnificación do Atlético de Madrid, que foi dianteiro emblemático e pichichi na tempada 91-92; Manuel Sedano, presidente de la Peña Atlética Lucense; Valetín Coto, presidente do Ribadeo FC; o presidente da Unión Internacional de Peñas do Atlético de Madrid para o Norte de España, Manuel Valín, e os seus compañeiros delegados Suso López e Suso Meilán; así como socios da Peña Atlética Lucense.

0.064785957336426