Pínconús Teatro presenta o seu espectáculo na Pontenova
A compañía lucense Pínconús Teatro presentará, o sábado 21 de decembro, o seu espectáculo 'Pínconús' na Casa da Cultura de A Pontenova, dentro da Programación do Circuíto Profesional que organiza a Deputación Provincial de Lugo, en colaboración coa Asociación Musical A Chocolateira e o Concello de A Pontenova. A función comezará ás 19.00 horas e a entrada é de balde.
'Pínconús' é un espectáculo familiar, con música orixinal composta por Piti Sanz, no que o elenco canta en directo os temas que acompañan o texto escrito e dirixido por José Campanari. Nesta proposta, o humor e a música xúntanse na escena para xogar cos absurdos encontros e desencontros.
A trama transcorre nunha estación de tren, onde veremos a unha billeteira que vai e vén, a un viaxeiro decidido a deixalo todo para chegar ao seu novo lugar de traballo, a unha viaxeira que quere ser a única en coller o tren e a outro viaxeiro que non sabe moi ben onde ir.