Pilates e baile de salón volven á Casa da Cultura de Trabada dende setembro

O Concello de Trabada anunciou a apertura do prazo de inscrición para participar nas clases de pilates e baile de salón que se impartirán todos os xoves, a partir de setembro, na sala multiusos da Casa da Cultura. As sesións, pensadas para todos os públicos, buscan ofrecer unha alternativa de lecer activa e saudable.
De 18:00 a 19:00 horas desenvolverase a actividade de pilates, cun custo mensual de 30 euros por persoa. A continuación, de 19:00 a 20:00 horas, terá lugar o baile de salón, cun prezo tamén de 30 euros por participante ou 50 euros no caso de inscricións en parella. Para formar parte deste último non é preciso anotarse por parellas.
As prazas dispoñibles son limitadas e o período de inscrición rematará o 29 de agosto. As persoas interesadas poden anotarse nas oficinas municipais ou chamando ao 982 135 011.
O alcalde de Trabada, Rubén García, subliñou que “continuamos ofertando diferentes actividades deportivas e culturais para todos os públicos, coa intención de promover hábitos saudables, fomentar o encontro social e dinamizar a vida no noso municipio. Queremos que a veciñanza teña ao seu alcance propostas variadas e accesibles durante todo o ano”.
Desde o Concello anímase á veciñanza a sumarse a estas actividades, que combinan exercicio físico, aprendizaxe e diversión nun ambiente participativo.