Piden que se cubra unha praza de médico no centro do Valadouro

AMariñaXa
A situación é que dotaron cun médico o centro de saúde, sen que se cubriran aínda de momento na súa totalidade, lamentan dende o BNG
medicos_o_valadouro_bng
medicos_o_valadouro_bng
6 Xul 2024

Dende o BNG lamentan que a situación no centro de saúde do Valadouro siga sen normalizarse totalmente. Despois de pasar varias semanas sen médico, despois de dúas multitudinarias mobilizacións veciñais o 14 de abril e o 29 de xuño, e despois de varias iniciativas do BNG no Parlamento, a situación é que dotaron cun médico o centro de saúde, sen que se cubriran aínda de momento na súa totalidade as reclamacións da veciñanza que demandaba o que por lei lles corresponde: dous médicos sempre.

Na resposta dada polo conselleiro de Sanidade o pasado 26 de xuño ao deputado mariñao Daniel Castro, o conselleiro avanzara que o centro tería cubertas este verán as dúas prazas vacantes de facultativos coa incorporación de dous médicos. Neste sentido pronunciouse o deputado nacionalista afirmando que “estaremos atentos a todo o que ocorre no centro de saúde do Valadouro para que a situación se normalice, e para que a dotación de dous médicos que lle corresponden ás veciñas e veciños do Valadouro sexa efectiva o antes posible e non se volva a repetir a penosa situación de meses anteriores donde non había ningún médico e os pacientes eran derivados a outros centros de saúde ou ao PAC”.

Daniel Castro lamentou que o PP só actúe cando hai mobilizacións veciñais ou interpelacións parlamentarias como neste caso a do BNG, e deu os parabéns ás veciñas e veciños do Valadouro “pola súa constancia e firmeza na loita en defensa dos seus dereitos, que empezan a dar os seus froitos” . Afirmou tamén que “desde o BNG non imos permitir que nin neste nin noutros centros o PP leve adiante a súa política de desmantelamento da atención primaria reducindo persoal paulatinamente nos centros de saúde.

0.092948198318481