Piden que o Concello regularice a situación coa actual concesionaria da residencia de Foz

Foz
AMariñaXa
A Plataforma de Afectados pola subida abusiva das tarifas da Residencia esixe que o Concello de Foz dea cumprimento ós acordos plenarios
residencia foz
18 Out 2024

A Plataforma de Afectados pola subida abusiva das tarifas da Residencia e Centro de Día de Foz reacciona tras as confirmacións de que o Concello de Foz lle debe á actual concesionaria da residencia e unha cantidade superior ós 150.000 euros, é dicir, cinco mensualidades do servicio completas. Dende a plataforma sinalan que as circunstancias lévanse xestando dende mediados do ano 2022. Centrándonos na falta de pago, din que "é inaudito que nos dous últimos plenos, sen ningún tipo de rubor, o alcalde e as responsables das dúas áreas directamente afectadas non fosen capaces de responder ás preguntas da oposición sobre o estado da conta co concesionario".

Tamén sinalan que é un paradoxo o feito de que se estean a incumprir os acordos adoptados por unanimidade do pleno en sesións de xaneiro e febreiro de 2023 respecto do copagamento dos servicios da residencia, tratándose como se trata do mesmo alcalde e que el mesmo propuxo e defendeu ante a corporación. A plataforma considera como únicos responsables da falta de pagamento ó alcalde, á concelleira de Economía e á concelleira de Servicios Sociais, "cuxas neglixencia e falta de capacidade de xestión contan co silencio cómplice e o amparo dos demais membros do grupo municipal do PSdG-PSOE".

Lamentan en "nin un só achegamento ós damnificados polo seu proceder, nin unha sola explicación". Esixen así que o Concello de Foz, dando cumprimento ós acordos plenarios mencionados, regularice inmediatamente a situación coa actual concesionaria. De non facelo, o alcalde, a concelleira de Economía e a concelleira de Servicios Sociais "sendo únicos responsables das causas, tamén o serán das alteracións que loxicamente van producirse no servizo, ata o punto de poñer a súa normal continuidade en risco".

Aseguran que saben "porque lle foi comunicado formalmente ó Concello xa fai máis de ano e medio, que a empresa se atopa en situación de concurso de acredores". Con todo, "parecen ser os únicos que non son conscientes dos efectos que a morosidade do Concello está tendo na mesma e, a través dela, de inmediato, nos traballadores, nos usuarios e nos provedores, a inmensa maioría deles veciños da nosa vila".

Ademais, tras celebrar unha asemblea celebrada, dende a plataforma acordaron iniciar os trámites necesarios para converterse en asociación permanente con plena personalidade xurídica. "Isto permitiranos defender máis eficazmente aos nosos seres queridos das fauces de intereses especulativos e, chegado o caso e de ser preciso, facilitararnos intervir nos procedementos legais que poidan xerarse en todo o relativo a Residencia e Centro de Día de Foz".

0.21689701080322