Piden no Parlamento a posta en valor da sauna da Idade do Ferro de Cervo
Ánxeles Cuña, deputada do Grupo Común da Esquerda, presentou na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia unha iniciativa para que se estude e poña en valor a sauna da Idade de Ferro reaparecida en Cervo, que foi rexeitada polos votos en contra do Partido Popular. "Non entendemos como os responsables máximos da conservación e xestión do noso patrimonio son tamén os responsables da súa indefensión, e neste caso podemos mesmo falar da sua ocultación", denunciou a deputada
"Tiña que ser unha excelente nova a reaparición dunha sauna da Idade do Ferro, unha xoia arqueolóxica extraordinaria e a edificación mellor conservada do norte peninsular no concello de Cervo, baixo as ruínas de San Cibrao no Castro da Atalaia. Por lóxica, debera documentarse, escavarse, estudarse e poñer en valor. Non obstante, a Dirección Xeral de Patrimonio tapouna e permitiu que pasase por enriba unha máquina apisonadora, que puido ter causado danos no teito. Isto non se pode entender, e só demostra desleixo e ignorancia", manifestou Ánxeles Cuña.
A PNL presentada solicitaba que se fixese un estudo da sauna e que se consensuase co Concello de Cervo unha obra para a posta en valor deste elemento patrimonial. "Existe un conflito de intereses entre a protección e valorización do noso patrimonio e as escusas de índole económica de quen non está disposto a destinar os recursos necesarios", apuntou a deputada. "Ante este achado de restos extraordinarios do que probablemente sexa a orixe dos nosos balnearios termais, que sería o lóxico, o razoable e o desexable?: estudar, espallar e dimensionar, non ocultar", sentenciou Ánxeles Cuña.