Piden ao goberno de Viveiro que limpe os contedores de lixo e contrate persoal no cemiterio
O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro pide a través dun rogo ao Goberno socialista que adopte melloras no mantemento e limpeza dos colectores do lixo para evitar “tanto problemas de hixiene e de salubridade como que se xere unha imaxe negativa da cidade”.
Os populares explican que se está ante unha situación, que empeora na época estival, e que “xera preocupación e malestar” tanto entre os veciños e veciñas como entre os visitantes, hostaleiros e comerciantes.
Precisan que o aumento de visitantes e do consumo no verán “require dun reforzo na limpeza para evitar contedores desbordades de sucidade” e mesmo nas zonas onde se concentran varios colectores “os cheiros aumentan considerablemente nestes meses”.
Dende o Grupo Municipal do PP denuncian que a “mala limpeza” repercute negativamente na imaxe do pobo e na calidade de vida dos veciños e veciñas. “O turismo é para moitos dos comercios e hostaleiros un modo indispensable de vida, que debemos conservar e aumentar”, consideran.
Ademais, os populares tamén lamentan que os sistemas de suxeición dos colectores en ocasións están deteriorados ou non existen o que “pode provocar o seu desprazamento e posible golpes a vehículos ou peóns”.
Din que se está ante un problema que afecta a toda a cidade pero, segundo precisan dende o PP, “as zonas onde temos o maior número de reclamacións son dos veciños, hostaleiros, visitantes e comercio en xeral da Avenida Cantarrana, das rúas Cantarrana, Parrela (diante do parque infantil), Castelao, Otero Pedrayo e nas Granxas”.
Ante esta situación, os populares esixen unha maior atención por parte do Goberno local a través dun rogo no que piden a limpeza, baldeado e desinfección “inmediata” dos colectores localizados na zonas máis afectadas así como mellora o sistema de suxeición onde sexa preciso.
Tamén solicitan unha revisión co correspondente informe por parte de persoal cualificado do estado de limpeza e desinfección de todos os colectores instalados no Concello, así como da carencia de elementos de suxeición para evitar posible incidentes.
CEMITERIO. Os edís do PP de Viveiro trasladan ao Goberno local as queixas dos veciños e veciñas ante “a falta de atención no cemiterio municipal” que “leva moito tempo sen persoal” e piden que “se cubra a praza ou que, cando menos, se designe a alguén para realizar as funcións de limpeza e mantemento do cemiterio que viña desenvolvendo o sepultureiro municipal”.