Piden á Xunta que presente un recurso propio ante a prohibición da pesca de arrastre
A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, instou á Xunta a tomar a iniciativa e presentar un recurso propio contra a prohibición das artes de fondo pola Comisión Europea en paralelo ás actuacións do goberno central. Otero reclamoulle á Xunta “máis proactividade” na defensa do sector marítimo fronte a esta decisión da CE “letal para a nosa flota”.
Otero lembrou o “amago” da Xunta hai dúas semanas con interpoñer o recurso diante da UE, para a continuación “recuar e dicir que o presentarían só se non o fai o goberno de España”. A parlamentaria socialista reclamoulle que inicien a actuación xudicial en paralelo ás medidas do Estado, e subliñou que “se eu fora conselleira do Mar dende logo que presentaría ese recurso”.
Ademais, chamou ao presidente da Xunta a “tomar este problema como un problema de Estado”, e tome “máis actuacións ademais de enviarlle cartas ao presidente do goberno”, e reclamoulle “que traballen, que realicen algunha actuación, porque é difícil” paralizar a prohibición, pero “deben ser moito máis proactivos”. Lembrou que o goberno galego non se reuniu coa directora xeral do Mar da UE ata outubro de 2021, cando a prohibición estaba en marcha.
De feito, lembrou que o ponente do Regulamento de 2016 do que naceu o veto á pesca de fondo foi o eurodeputado do PP Gabriel Mato, que “non advertiu das consecuencias que se poderían dar” e é a raíz do escenario de hoxe, mentres o eurodeputado galego Millán Mon “votou a favor” do dito Regulamento.
Acusou ao Grupo do PP de intentar “romper a unidade do Parlamento e atacar con falsidades aos grupos parlamentarios da oposición”, mentres se limitan a responder co “non polo non” fronte a tódalas iniciativas en defensa da pesca presentadas polo Grupo Socialista. Así o fixeron vetando por exemplo unha Declaración Institucional presentada por este grupo parlamentario, que polo contrario si que apoiou as iniciativas presentadas polo PP.
Lembrou a “man tendida” do PSdeG ao goberno galego na defensa do sector pesqueiro, e instou ao Executivo a demostrar a mesma unidade co goberno central no seu “posicionamento claro” a favor do sector da pesca de fondo e en contra dun Regulamento “extralimitado por motivos de forma e tamén de fondo” para prohibir a pesca e 87 zonas.
BNG
A portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, exixiu tamén no Parlamento á Xunta que deixe de botar balóns fóra e exerza como o Goberno galego que é presentando de xeito inmediato un recurso propio ante a decisión de Bruxelas de prohibir as artes pesqueiras de fondo, independentemente do recurso que poida presentar o Goberno estatal.
Pérez recriminou así á conselleira de Pesca durante a súa comparecencia no Parlamento que condicionase a presentación do recurso da Xunta só no caso de que non o presente o Goberno do Estado. “Vostede, señora conselleira, é a ministra de Pesca deste País, a máxima responsable e vostede é a que ten que estar á fronte, liderar e encabezar a loita contra esta gravísima decisión e non ir a rebufo”, reprochou con rotundidade, para afearlle a continuación que o Executivo galego leve meses anunciando a presentación dun recurso que nunca fixo efectivo.
CONCELLOS
A administración local do Concello de Cervo súmase ao manifesto pola pesca, o marisqueo e a cadea mar-industria europeas, en contra de medidas como a prohibición de pesca de fondo en 87 áreas de augas comunitarias que entraría en vigor o 9 de outubro e que sería un auténtico lastre para o sector
A veciñanza pode sumarse ao manifesto que estará a súa disposión para asinar na casa do concello (en rexistro, en horario de 8.00 a 15.00 horas) e na Casa da Cultura (en horario de 9.00 a 14.30 horas).
O Concello de Burela recolle sinaturas no edificio consistorial para recabar apoios ao sector pesqueiro contra o veto ao arrastre aprobado pola Comisión Europea en 87 zonas de augas comunitarias. A imposición do organismo europeo suporía un duro golpe á frota de A Mariña e pon en xaque un sector económico fundamental da localidade e comarca.