Piden a Portos reverter unha parcela ao Concello de Burela
O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa deputada e do seu deputado, Patricia Otero Rodríguez e Julio Torrado Quintela presentaron no Parlamento unha proposición non de lei para o seu debate para que Portos de Galicia reverta unha parcela ao Concello de Burela.
"A relación natural entre o porto e os espazos urbanos ten en Galicia unhas características particulares. Como é habitual en case todas as vilas e pobos mariñeiros, a vida portuaria foi sempre ligada ao desenvolvemento da propia poboación, e a vinculación urbanística entre ambos espazos estivo sempre ligada", dixo a deputada Patricia Otero Rodríguez.
"A estruturación administrativa causou unha dicotomía que, na maior parte dos pobos e vilas costeiras con entidade portuaria, provoca a confluencia de intereses de entidades administrativas distintas como son o porto e os concellos", proseguiu Otero.
"De xeito especial esta relación está condicionada no plano urbanístico polo amplo espazo sobre o que o Porto ten responsabilidade administrativa, por ser da súa titularidade, froito do crecemento sobre o mar que as actividades portuarias foron desenvolvendo, pero que son terreos de uso urbano, afastados da actividade marítima e pesqueira. Existen exemplos en todo o territorio costeiro de Galicia, observamos case que en cada vila como o Porto é titular dun espazo que, en termos xerais, se usa para a actividade urbana. Tal é así que en moitas ocasións os propios veciños e veciñas descoñecen esta titularidade, e non a comprenden, por ser Portos de Galicia titular de terreos que nada teñen que ver coa súa actividade", engadiu.
Este escenario provoca problemas de xestión habituais para todos os concellos, que pretenden desenvolver actividades e usos deses terreos, pero necesitan de autorización e aceptación de Portos de Galicia, sendo esta unha institución que non comprende a necesidade deses usos, retarda os procesos e /ou os dificulta e impide. Ademais dos concellos, numerosos colectivos sociais, culturais ou deportivos, tenden a querer usar tales terreos, normalmente ben situados nas vilas costeiras, atopándose con que Portos de Galicia esixe unhas taxas inasumibles e considera, discrecionalmente, o seu uso. Pola contra, eses terreos non son obxecto da atención debida de Portos de Galicia, nin do investimento necesarios, polo que terminan por se deterioraren e acumular lixo, sendo os concellos os que, por responsabilidade, terminan por asumir o custe do seu mantemento sen ser titulares.
O Concello de Burela dispón de varios parques e espazos ao aire libre pero ningún deles está expresamente destinado ao ocio da xuventude, quedando sempre relegados a unha pequena zona pouco funcional e que non satisfai as súas inquedanzas e necesidades. "Formúlase a proposta de dedicarlles un espazo en exclusiva, que poidan sentir como propio, pensado para cubrir diferentes aspectos propios da idade, nun espazo seguro e facilmente accesible que se poida desfrutar por diferentes idades da xuventude segundo os seus gustos, afeccións ou preferencias", dixo Otero Rodríguez.
Un espazo que reúne as ditas condicións é a parcela fronte ao número 7 da travesía do Porto, integrada dentro do espazo portuario. A parcela atópase nun extremo, polo que sería facilmente prescindible para o sistema xeral portuario e sería moi necesario que se recuperase para os sistemas locais de espazos libres. É unha parcela de aproximadamente 1.900 m. cadrados, rectangular e sensiblemente horizontal.
Por iso, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, presenta a seguinte proposición non de lei: O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reverter a titularidade da parcela número 7 da travesía do Porto de Burela, a dominio municipal, xa que o seu uso é residual dende hai moitos anos e para o Concello de Burela e a súa veciñanza suporía unha mellora na calidade de vida diaria.