Personaxes e animaliños dan vida ao curioso Nadal de Lourenzá
Xa chegou o Nadal ao Concello de Lourenzá, así, dende hoxe xa se pode desfrutar de todas as personaxes e animaliños que dan vida ao Nadal na praza do Conde Santo.
Este escenario tan especial nestas festas está feito de xeito artesanal, empregando madeiras e materiais naturais e segundo a alcadesa Rocío López, "detrás está un mes intenso de traballo por parte dos traballadores do concello, dos concelleiros e tamén de xente que nos veu axudar".
"Fai uns anos que botamos a andar este proxecto de Vila de Nadal e cada ano imos inventando algo novo e dándolle forma. Este ano decidimos incorporar unha paisaxe nova, na que se poden ver unhas montañas un río, un pescador e ata unhas mulleres na vida cotiá", engadiu a rexedera.
Outra das novidades deste ano é a imaxe dun peregrino a entrada da praza do Conde Santo, unha imaxe que non podía faltar xa que por Lourenzá pasa o Camiño Norte e son final de etapa. Outra das novidades que se poden ver son os dous soldadiños que presiden a entrada da casa consistorial.
"Foron días de moito traballo pero é unha satisfacción ver así a praza do Conde Santo repleta de figuriñas", dixo López, "animo a toda a xente a achegarse a Lourenza a vir a disfrutar desta maravilla que estou segura que lles vai a gustar moito e sobre todo que lles vai a sorprender o que se van atopar aquí. Digamos que é un Belén diferente, feito de pequeniñas cousas pero que seguro nos fan moi felices".