Persoal sanitario mobilízase en Burela para denunciar o abandono asistencial

AMariñaXa
O persoal facultativo denuncia a situación límite que vive o centro sanitario pola falta de recursos e a sobrecarga asistencial
Manifestacion-Burela-hospital-2025
9 Apr 2025

Traballadores e traballadoras do Hospital Público da Mariña, encabezados polo persoal facultativo e acompañados por profesionais doutras categorías, protagonizaron unha concentración diante da entrada principal do centro en Burela. O obxectivo: denunciar publicamente a situación crítica que atravesa o hospital e o impacto directo que esta ten sobre os pacientes da comarca.

Segundo afirman, os cadros de persoal atópanse en mínimos históricos, provocando que numerosas consultas estean pechadas ou reducidas, o que aumenta exponencialmente as listas de espera e impide un seguimento axeitado da atención sanitaria. A consecuencia inmediata é que moitos pacientes, que poderían ser tratados de forma ambulatoria, acaban ingresados pola imposibilidade de conseguir cita nas consultas externas.

Outra das principais queixas recae sobre a orde verbal da dirección do hospital de derivar sistematicamente os pacientes da área médica ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Lugo. Esta medida, aseguran, está a provocar tensións tanto no persoal como nas propias familias, que rexeitan o traslado por cuestións persoais e de proximidade, esixindo o seu ingreso no hospital de referencia.

Desde o colectivo sanitario quéixanse tamén das derivacións innecesarias a outros centros, públicos e privados, para a realización de probas que poderían realizarse no propio hospital se contase cos medios humanos necesarios. “Non é o paciente quen debe desprazarse, senón a administración quen ten que garantir os seus dereitos”, afirman.

Ante esta situación, o persoal reclama a redistribución xusta dos recursos humanos entre as distintas áreas sanitarias, demandando contratacións ou reestruturacións que poidan paliar o colapso asistencial. Subliñan que non se pode pretender atender a toda a poboación con cadros de persoal reducidos á metade, e denuncian que en pleno século XXI seguen existindo desigualdades sanitarias baseadas no lugar de residencia.

⚙ Configurar cookies
0.078077077865601