Perdemos a exclusiva

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga
14 Jun 2021

Por Pablo Veiga

Probablemente non existe curruncho neste País onde non se teña producido algún litixio, con pleito incluído moitas das veces, por mor dos marcos das fincas. Afeitos estivemos, e aínda o estamos, a contemplar como veciños se poñían a mal polas lindes das súas leiras.  Non hai aldea ao longo de Galicia que escape a estas diverxencias, as cales teñen derivado nalgúns casos en fatais desenlaces.  E en todo lugar sempre había alguén que era auténtico “experto” na materia, coa finalidade de gañar algún metro máis de terreo, porque todo lle era pouco.

Esa cultura da propiedade tan arraigada que normalmente temos poda que inflúa nese tipo de comportamentos. Así, por un rego o paisano acudía xunto do seu avogado de confianza –ou iso pensaba el- e se tiña que acabar nos tribunais para defender a súa postura, pois facíao, aínda que o custe de todo o procedemento fose moi superior á probable ganancia que se agardaba obter.

Pero toda a terra é país e en tódolos sitios cocen fabas. Quizais nos pareza que no ADN galego vaian eses actos. Pois poda ser que si, pero vemos que non somos soamente nosoutros. Así, noutras latitudes temos multitude de exemplos, nos que no canto de conciliar, óbtase por dar salto a outros estadios superiores, de consecuencias imprevisibles e polo xeral nada positivas. Se investigamos a fondo no rural asturiano, castelán ou estremeño, abofé que se atoparían similitudes a isto que podiamos pensar que estaba patentado por nosoutros.

Mais recentemente nos medios de comunicación, desde a prensa escrita ata a radio e televisión, fixéronse eco dunha nova protagonizada por un agricultor belga que resultou cómica pola súa espectacularidade. Este home non entrou en conflito por variar o marco da súa propiedade en detrimento da do que tiña a carón. Nada diso. O amigo en cuestión foi quen de modificar a fronteira entre Bélxica e Francia, arrancando co seu tractor a pedra que sinalaba a liña divisoria de ámbolos dous países, saltando polos aires os acordos establecidos aló polo ano 1820.  E non era un simple coio que se pode agarrar nun brazado, senón que era un pedroulo que pesaba 150 quilos. As interpretacións a dita acción, variadas; desde que existía unha firme intención de aumentar a superficie do seu agro, ata que simplemente levou o mollón por diante para poder así maniobrar mellor co seu tractor. O caso é que o atrevido labrego foi chamado a capítulo, xa que nada máis e nada menos que o seu feito variaba o límite establecido entre estes dous estados membros da Unión Europea. Ben é certo que seica eran pouco máis de dous metros, pero os franceses non estaban polo labor de perder un só centímetro cadrado da súa nación e o  bo do home parece que non lle quedará máis remedio que voltar o marco á súa ubicación anterior. Aquí semella que non se producirá un conflito diplomático e solucionarase o asunto.

Sempre se dixo: Un mal acordo é mellor que un bo pleito.  Polo que vemos, dous mil quilómetros cara o norte tamén seguen o refrán.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14619898796082