Per aspera ad astra
Por Noelia Castro Yáñez
Per aspera ad astra, a través do esforzo, o triunfo. Ou polo sendeiro áspero que conduce ás estrelas. Escribeu Andre Agassi nas súas memorias:
“A única perfección que existe, é a perfección de axudar aos demais. Do que facemos, esto é o único cun valor ou un sentido duradeiro. E esta é a razón pola que estamos aquí. Para facernos sentir seguros uns aos outros”.
Coido que estas palabras non poden ser mais acertadas nas circunstancias nas que nos atopamos. Sentada no meu escritorio, facendo por escribir esta columna coa sensación de pouco que contarlle ao mundo, sinto un piar moi frouxo que se coa pola fiestra a medio abrir. Un niño de pardaos repousa sobre o caleiro do piso de enriba. A miña sorpresa dura ata que sinto o renxer do teléfono. Unha dúbida dunha alumna que axiña resolvo cunha mensaxe de audio. Logo diso, uns vinte minutos aboiando por redes sociais. Reparo en cantos dos meus alumnos se pararían a mirar o niño de aves, cantos deles saberán da existencia dos gorrións. E ao momento me comprace pensar neles facendo un comentario de texto sobre o fragmento a eles adicado por Juan Ramón Jiménez: “Benditos paxaros, sen festa fixa!…Contentos, sen fatais obrigas, que viaxan sen cartos e sen maletas” Case coma os galegos, sen troula fixa, pero descontando sesións vermús que nos deixaron sen celebrar. Todo isto, derivado dunha historia de Instagram dun amigo desexando que volvan as orquestras e o fútbol. Mostra de que estamos a recibir estímulos e información constantemente, a veces sen darnos de conta do que temos diante dos fuciños. E facendo honra á reivindicación de prestar mais atención á vida real, nótese a fatal ironía, leo a outro amigo aproveitando para criticar a figura dos puristas que se se meten co que moitos ven na televisión, amosando segundo el un aquel de elitismo cultural no que se vanaglorian. Xustifica o ataque, apelando a que esos canais lle serven de evasión do peche no que estamos sumidos. E razón non lle falta, pero coido que tamén precisamos doutra clase de referentes. Porque a min, coma Alda Marini tamén me gusta quen escolle, con coidado, as palabras que non di. Porque do mesmo xeito que consumimos incontables programas que nos evaden da realidade, tamén precisamos focalizar no que de verdade importa. Porque a sorte, é un factor moi endeble, e eu, prefiro que a inspiración me pille traballando. Coido que é a única chave do éxito, ou debería ser. E as novas xeracións deberan ter, á par que todas as redes sociais e plataformas dixitais que consomen, referentes con outra forma de ganala vida. E, moi no fondo, con outra maneira de que os atope a felicidade.
Precisamos poñer o foco na Phoeby de Friends que nos ensinou que as familias non teñen que seren convencionais para funcionar. Ou de Chandler cando nos ensinaba a non meter na boca o chicle que acabas de cuspir. Chámese chicle ou persoa tóxica. Incluso a Rachel farta dunha vida que apesta por momentos, animándonos a volver a comezar. Estos son os valores que tamén precisamos ver.
Fixarnos en que a forza de Optimus Prime reside na experiencia no combate. Porque ninguén nos pode prometer que non imos cansar. Pero do outro lado da fatiga, fartos de sacrificios é onde podemos atoparnos a nós mesmos en milleiras de ocasións, e onde imos a lograr vencer. Ou en Sauron, que precisou sellar o seu espíritu para garantir a súa presenza. Nós, que non acostumamos a comprometernos nin coa nosa mesma sombra. Porque os que formamos parte dunha xeración que medramos con Son Goku, vimos como morría tres veces, como morrían todos os seus amigos, e como se sacrificaban a pesares de saber certo que non tiñan nada que facer.
Non se trata de sesgar a diversidade que se nos ofrece, senón que a importancia radica na capacidade de discernir o que só entretén, mesmo serve como exemplo negativo, do que empregamos como modelo e motivación. E aí entramos cada un dos espectadores, a culpa ou o mérito é tan só noso. Nas cabeciñas pensantes, Porque o que nos define non son os referentes culturais que temos, senón a maneira que temos de empregalos.