Pepe Peinó será o pregoeiro da XXXIII Festa da Faba de Lourenzá

Lourenzá xa quenta motores para a XXXIII edición da súa coñecida Festa da Faba, que terá lugar do 3 ao 5 de outubro. A alcaldesa Rocío López, xunto cos concelleiros Manuel Arango e Mario Leitón, presentaron tanto o cartel anunciador como o nome do pregoeiro desta edición, que será o profesor, escritor e cómico Pepe Peinó, moi vinculado á vida cultural da Mariña e cunha relación especial coa vila laurentina.
O cartel foi realizado por José Manuel García, veciño de Lourenzá e gran estudoso dos xogos e xoguetes tradicionais. Autor e ilustrador de varios libros sobre esta temática, nesta ocasión escolleu como motivo central a fonte da ra, un emblema para todos os laurentinos, cuxas pedras aparecen simbolicamente substituídas polas recoñecidas fabas da localidade.
En canto ao pregoeiro, o Concello destacou a traxectoria de Pepe Peinó, a quen cualifican como “un referente cultural na Mariña e moi querido pola xente do noso concello”. Ademais da súa carreira profesional como docente, destacou sempre pola súa faceta creativa como escritor e humorista. Nos seus anos de mocidade pasou longas tempadas en Lourenzá e, posteriormente, colaborou con grupos locais dirixindo e representando obras de teatro que foron moi aplaudidas pola veciñanza.
A Festa da Faba ofrecerá un amplo programa durante tres días, con degustacións gastronómicas nas que a protagonista será a faba de Lourenzá, ademais de actividades culturais, musicais, artesanais e lúdicas que encherán de vida as rúas da vila.